A crise social e económica derivada da pandemia do coronavirus está facendo crecer a un ritmo ata agora descoñecido a cantidade de familias que necesitan acudir ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro para encher as súas neveiras e mesas de comida. Xa desde as primeiras semanas da corentena empezaron a medrar os demandantes de alimentos e na última entrega de comida realizada superaron as 200 familias.
Este incremento de demanda require un sobreesforzo do Banco de Alimentos xestionado pola asociación de veciños O Mirador, no que agradecen a colaboación desinteresada de empresas e particulares. Así, hai xa semanas que teñen un fluxo continuo de doazóns que lle están a permitir facer fronte ás necesidades.
Carlos Diéguez Failde, responsable do Banco de Alimentos e presidente da asociación, acudiu na tarde deste xoves a recoller a última destas doazóns. Fixérona as empresas Gasóleos Rías Baixas y Gasolinera Low Cost, de Barro, e foi un importante reforzo dos alimentos que axudan a soster aos máis pequenos da casa.
Así, doaron 200 paquetes de galletas de almorzo e 100 botes de ColaCao que na seguinte entrega de alimentos ás familias acompañarán os 200 litros de leite que doou unha particular nos últimos días e permitirán mellorar a alimentación dos nenos do barrio.
Os responsables do Banco agradecen as doazóns desta empresas e tamén as que realizan a diario outras entidades e particulares, pois estas achegas axudan a facer fronte á crecente demanda e amosan unha solidariedade crecente da cidadanía, que se está a envorcar particularmente cos máis pequenos.
Ademais destas doazóns de alimentos, nos últimos días están a detectar un aumento das doazóns de roupa, en especial para bebés. En todo caso, reiteran que a demanda continúa crecendo, así que toda empresa e particular que queira realizar doazóns será ben recibida e axudaralles ao seu funcionamento.
Estas doazóns axudan ao benestar dos nenos das familias máis golpeadas pola crise, para os que desde O Mirador puxeron en marcha esta semana unha nova iniciativa grazas á empresa Reale Seguros, unha entrega diaria de almorzos e merendas saudables para as familias máis desfavorecidas.