Desde as seis da mañá deste martes desenvólvese unha nova xornada de folga na fábrica de ENCE, en Lourizán, convocada en protesta pola intención da empresa de iniciar un procedemento de despedimento colectivo que afectaría a 39 empregados do complexo industrial situado fronte á ría de Pontevedra.
A planta continúa parada desde o inicio do conflito, despois de que a dirección decidise non reanudar a produción, unha medida que o comité de empresa interpreta como unha forma de presión. Segundo o seu secretario, Omar Vázquez, a compañía busca que os traballadores perdan a parte variable dos seus salarios.
Durante a mañá, un piquete informativo permaneceu ás portas da factoría pasteira, respectando os servizos mínimos e sen rexistrarse incidentes. Con todo, desde o comité aseguran ter constancia de que a dirección de ENCE estaría a tentar provocar un enfrontamento entre os empregados.
O conflito xerou tensións tamén entre os distintos comités de traballadores da compañía.
Desde o Comité de Oficinas Centrais, a súa representante Ana Cedeira fixo público un comunicado no que expresan a súa "indignación ante a situación á que nos vimos arrastrados, pola empresa ao non permitir negociar dito plan por centros de traballo, e polo comité da Biofabrica de Pontevedra ao negarse a sentar a negociar a proposta da empresa".
Cedeira lembra que catro do cinco centros afectados polo denominado Plan de Competitividade —que contempla os despedimentos— aceptaron inicialmente sentar a negociar, salvo o de Pontevedra, que "se negou en rotundo desde un inicio". Só o centro de Navia, cuns 400 empregados e distinto CIF, atópase actualmente inmerso en negociacións coa dirección, mentres que os outros tres (oficinas de Galicia, Navia e Madrid, cun total de 259 traballadores) "víronse arrastrados pola postura do comité de Pontevedra".
Segundo o comunicado, estes catro centros recibiron xa a convocatoria oficial para o inicio do período de consultas do ERE o próximo 20 de novembro, quedando todos formalmente incluídos no proceso.
O comité de oficinas expresa a súa "preocupación" polo impacto que esta situación poida ter non só no persoal, senón tamén nas empresas auxiliares, a cadea de subministración e o sector forestal galego, que —segundo os seus cálculos— podería afectar indirectamente a "máis de 5.000 postos de traballo".
Pola súa banda, o comité da fábrica pontevedresa reprocha aos seus compañeiros de oficinas que se aliñen coa dirección da empresa, asumindo os seus argumentos sobre a situación económica do sector da pasta e a celulosa en Europa. Nun ton crítico, convídanlles a "encabezar a lista de despedimentos se están dispostos a asinala".
ENCE expuxera nos últimos meses un Plan de Competitividade que incluía medidas de investimento, automatización e reinxeñería, ademais de prexubilacións e baixas incentivadas, co obxectivo de reducir persoal "de maneira consensuada e non traumática". Con todo, a falta de acordo entre os comités e a dirección desembocou nun conflito laboral que mantén paralizada a produción e dividido ao persoal.

Segundo indican desde CIG-Industria, o persoal de oficinas nesta xornada de folga secundada pola maioría dos traballadores accedeu ás instalacións por unha porta traseira, a indicación da Policía Nacional, para evitar cruzarse cos piquetes informativos concentrados desde as 06.00 horas fronte á entrada principal.
Desde este sindicato tamén critican que o texto do comité de oficinas xustifique a postura da dirección de Ence ante a situación económica do sector da pasta e celulosa en Europa, apoiando o “plan de competitividade” que contempla prexubilacións e baixas incentivadas para reducir o persoal de maneira consensuada.
Fronte a isto, reclaman a implicación da Xunta de Galicia, a través das consellarías de Presidencia, Industria e Emprego, na busca de alternativas para garantir todos os postos de traballo e evitar o carácter especulativo da actividade. De feito, trasladaron ao comité da fábrica unha proposta para rexistrar formalmente esta solicitude ante os responsables autonómicos.
PontevedraViva tamén contactou con Marcos López e Rodrigo Boyero, dos comités de oficinas de Ence en Navia e en Madrid, que entenden a folga posta en marcha polos traballadores da fábrica de Lourizán aínda que tamén recoñecen comprender a postura do comité de oficinas de Galicia, que preside Ana Cedeira.
Ambos representantes sindicais expoñen que, en todo caso, a convocatoria desta folga na fábrica non é a que os arrastra ao ERE, como indica o comunicado do comité de oficinas de Galicia.
Sinalan que o día 20 comezará o período de consultas coa empresa e agardan que se lles presenten as contas nas que ENCE está a xustificar os despedimentos que, a día de hoxe, cualifican de "desproporcionados".
As seguintes xornadas de folga están previstas para este mércores 12 e o sábado 15 de novembro no calendario de doce días de paro.
