O persoal de ENCE inicia a súa folga de doce días en protesta polos despedimentos e recortes

Pontevedra
08 de novembro 2025
Actualizado: 13:38

No complexo industrial fronte á ría de Pontevedra permanecen no seu posto de traballo unicamente os servizos mínimos establecidos

Primeiro día de folga en Ence
Primeiro día de folga en Ence / Comité de Empresa de Ence

Desde as seis da madrugada deste sábado a fábrica de Ence en Pontevedra está parada como consecuencia da folga que hoxe iniciou o persoal despois de que a compañía comunicase a súa intención de eliminar 39 dos 282 postos de traballo que ten a factoría de Lourizán.

Aínda que houbo un piquete na entrada da fábrica non foi necesario informar a ningún compañeiro porque, aseguran os convocantes, a totalidade do persoal de Ence apoia a mobilización. Aínda así se despregou un amplo dispositivo policial.

No complexo industrial fronte á ría de Pontevedra permanecen no seu posto de traballo unicamente os servizos mínimos establecidos.

O comité de empresa da fábrica de ENCE en Pontevedra convocou 12 xornadas de folga para rexeitar os 39 despedimentos que pretende executar a empresa no marco do "plan de competitividade" que provocou tamén a clausura do departamento médico e a eliminación de tres postos no servizo de limpeza.

Os paros de 24 horas continuarán os vindeiros días 12, 15, 18, 19, 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de novembro.

A asemblea de traballadores celebrada o xoves amosou o seu total apoio a este calendario de mobilizacións en resposta á "guerra aberta" pola dirección da pasteira contra o seu cadro de persoal.

Dende a representación sindical denuncian que este suposto "plan de competitividade" posto en marcha pola compañía en 2024 baséase unicamente en recortes de persoal e non en melloras tecnolóxicas, automatizacións ou optimización de procesos.

Queren deixar moi claro que farán todo o que estea na súa man para garantir o mantemento de todos os postos de traballo fronte a esta "chantaxe directa" da empresa, "xa que pretende que asinemos un despedimento colectivo fóra das canles legais a cambio de novas falsas promesas de investimentos".

Neste contexto, Ence leva executando nos últimos meses recortes de servizos auxiliares e despedimentos de persoal auxiliar, como o departamento médico da fábrica (catro despedimentos) ou o servizo de limpeza (outros catro).

Foi un proceso no que a empresa nunca amosou vontade de diálogo ou boa fe nin achegou información, "pretendendo unicamente que lles asinemos un cheque en branco cos despedimentos como condición irrenunciable".

Estes movementos da empresa, e as recentes visitas de directivos de Altri ás plantas de Ence de Pontevedra e Navia, fan sospeitar a representación sindical da existencia dun pacto de venta "previa redución do cadro de persoal, rumor que se disparou tras anunciar a compañía un acordo de colaboración con Altri".

Ao mesmo tempo, consideran que Ence "traspasou todos os límites" ao longo deste mes de contactos ao trasladarlle á representación sindical que se convoca folga non haberá investimentos, "chegando a dicirnos que a unha empresa coma esta non lle tumba o ERE ninguén, o que representa como mínimo unha burla á Inspección de Traballo, aos sindicatos e mesmo ao Xulgado do Social".

E ameazando incluso co peche da fábrica: "Ou aceptamos pacificamente os 40 despedimentos ou din que igual son 282, en referencia á totalidade do persoal".

Así como tamén se amosu disposta a denunciar a folga por considerala ilegal, e fixou uns servizos mínimos "abusivos" de máis do 100%, "ademais de mesmo insinuar a posibilidade de levar a cabo un peche patronal, o que é unha vulneración flagrante do dereito de folga".

Por todo isto, a representación sindical levou a cabo unha serie de xestións diante da Consellería de Emprego e da Inspección de Traballo e mantivo xuntanzas con distintos grupos parlamentarios.

"Esiximos a implicación das administracións públicas, en especial da Xunta, que aceptou no seu día os compromisos da empresa", rematan.

Traballadores de Ence concentrados ás portas da fábrica
Traballadores de Ence concentrados ás portas da fábricaComité de Empresa de Ence