Ante a rolda de prensa convocada para este mesmo venres polo comité de empresa da fábrica de ENCE en Pontevedra para denunciar un procedemento de despedimento colectivo, a compañía pasteira adiantouse explicando a súa postura ante o que os traballadores de Lourizán definen como un "grave conflito sociolaboral".
O primeiro argumento que esgrime a multinacional que preside Ignacio de Colmenares y Brunet é que Ence suma "catro trimestres consecutivos de perdas" polo que puxo en marcha un plan de eficiencia e competitividade que se implementará no período 2025-2027.
Tal e como publicou PontevedraViva, este plan apóiase en dous alicerce. Por unha banda, a implementación de solucións de intelixencia artificial e reinxeñería e automatización de procesos e, por outra, a racionalización dos seus procesos operativos.
A compañía admite que a execución dos proxectos dos que se compón este plan implicará unha "redución ordenada da súa estrutura de persoal no marco dun procedemento de despedimento colectivo xa iniciado".
No caso da fábrica de Pontevedra, asegura Ence que "os potenciais afectados alcanzan a 39 persoas", é dicir, ao 6,5% das que traballan diariamente na factoría de Lourizán. Estas "potenciais saídas" acometeríanse ao longo dos anos 2026 e 2027.
Ence tamén indica que "estas amortizacións de postos esixen levar a cabo investimentos previos que permitan automatizar tarefas ou mellorar os procesos actuais".
Os responsables da pasteira aseguran que dentro do proceso de negociación que a compañía expuxo ao comité de empresa "analizaríase a posibilidade de levar a cabo prexubilacións e baixas incentivadas" e mesmo "non se descarta ofrecer recolocacións noutras plantas onde está a investir o Grupo Ence".
No seu comunicado Ence reitera a súa "vontade de diálogo para alcanzar unha solución consensuada coa representación legal dos traballadores".
Como proba desta vontade apuntan que ofreceu non iniciar o período de consultas do procedemento de despedimento colectivo e abrir, durante 30 días, "un proceso de negociación previo e informal" co comité da fábrica de Pontevedra.
Unha vez máis, a dirección da empresa de celulosas insiste en que de forma paralela á realización deste plan de eficiencia e competitividade continúa o denominado proxecto Pontevedra Avanza, "cun investimento presupostado de 120 millóns de euros".
Ten como obxectivo producir e fornecer, desde Pontevedra, produtos celulósicos especiais da máis alta calidade, que achegarán maior marxe e serán capaces de substituír á fibra longa e aos plásticos en multitude de aplicacións.
Considera a multinacional que esta iniciativa lles permitirá aumentar a eficiencia e competitividade da fábrica de Pontevedra, "garantindo que se manteña á vangarda, xerando emprego e riqueza sostibles na contorna".
Por último, Ence reprocha que mentres que na planta asturiana de Navia abriuse un proceso de negociación, en Pontevedra o comité de empresa "négase a abrir calquera vía de negociación".
O comité de empresa de Ence en Pontevedra anunciará este venres 7 todas as medidas previstas ante esta decisión da empresa, entre as que figuran doce días de folga na fábrica.