A compañía Ence presentou os seus resultados do terceiro trimestre e aproveitou para anunciar un novo plan de eficiencia e competitividade que se desenvolverá entre 2025 e 2027. Con este programa, a empresa espera conseguir aforros duns 200 millóns de euros, cunha recuperación do investimento en pouco máis dun ano.
Dentro desta estratexia, Ence levará a cabo unha reorganización do seu persoal, para o que xa iniciou conversacións cos representantes dos traballadores no marco dun proceso de despedimento colectivo, segundo recolle o seu último informe financeiro presentado este martes.
"A execución dos proxectos dos que se compón o Plan implicará unha redución ordenada da nosa estrutura de persoal, para o que xa se iniciaron as negociacións cos representantes dos traballadores no marco dun Proceso de Despedimento Colectivo", di este informe financeiro que acompaña a presentación de resultados do terceiro trimestre.
O Plan de Eficiencia e Competitividade centrarase en dous eixos principais que son a aplicación de intelixencia artificial e automatización de procesos e tamén a simplificación e optimización das operacións internas.
O plan completarase durante os dous próximos anos, nos que os proxectos de descarbonización da fábrica de Navia e o denominado Pontevedra Avanza tamén continuarán o seu curso en paralelo.
Segundo detalla o informe, a compañía está a finalizar a enxeñaría e tramitación deste proxecto Pontevedra Avanza, co obxectivo de reducir o custo de produción da fábrica de Lourizán en 50 euros por tonelada, mellorar a súa flexibilidade para aproveitar distintos tipos de eucalipto e continuar trasladando a súa produción cara á gama de celulosas especiais Ence Advanced.
O investimento orzado neste proxecto ascende a 120 millóns de euros, cunha rendibilidade esperada superior ao 12%. O proxecto executaríase de maneira progresiva, durante as paradas de mantemento anuais de 2026 - 2030.
No plano económico, a compañía rexistrou perdas de 22 millóns de euros até setembro, afectada pola caída do prezo da celulosa e a depreciación do dólar. No mesmo período do ano anterior, Ence lograra beneficios de 41 millóns.
A pesar deste contexto, a empresa mantén a súa aposta por reforzar a rendibilidade do seu negocio de celulosa. A súa estratexia pasa por reducir custos e diversificar a súa produción cara a celulosas especiais e produtos de maior valor engadido, aproveitando a súa posición competitiva no mercado europeo. O obxectivo é aumentar un 50% o EBITDA medio de aquí a 2028.
Unha parte clave desta transformación está nas celulosas especiais Ence Advanced, que xa representan o 29% das vendas do ano (7 puntos máis que en 2024). Estas celulosas teñen mellores propiedades técnicas, menor impacto ambiental e unha marxe de beneficio superior á celulosa estándar, xerando uns 33 euros máis por tonelada.
REACCIÓN DESDE O COMITÉ DE EMPRESA
Segundo afirma Omar Vázquez, secretario do comité de empresa de fábrica en Ence, neste momento non se produciu contacto da dirección da empresa cos representantes dos traballadores para tratar esta situación.
"Agora mesmo nin existe negociación en Pontevedra, nin se nos comunicou formalmente o inicio do período de negociación legal do ERE, nin temos información ningunha do contido ou do intento de xustificación desa pretensión", segundo indica o representante sindical a PontevedraViva.
Este xoves haberá reunión do comité para establecer asembleas e mantener diálogo cos traballadores para afrontar calquera acción que decida adoptar a empresa en canto a recorte de persoal.