A recente ampliación do peso máximo autorizado para camións até as 44 toneladas, en vigor desde o pasado 23 de outubro, acendeu a mecha das tensións entre transportistas e cargadores. E o primeiro gran choque estalou en Galicia, coa fábrica de celulosa de ENCE en Pontevedra no centro do conflito.
Segundo o sector, o aumento de capacidade de carga non supón un beneficio directo para os camioneiros, senón un incremento do 18% nos custos de mantemento. Segundo explican, máis peso significa máis desgaste, máis combustible e maiores gastos en reparacións.
A polémica desatouse cando ENCE comunicou aos seus transportistas colaboradores unha redución de até o 11% nas tarifas aplicadas ao transporte de madeira, argumentando que o novo límite de tonelaxe permite levar máis carga por viaxe.
Con todo, a reacción do sector foi inmediata. Esta medida supón, na práctica, "que transporten dúas ou tres toneladas de mercadoría gratis por cada camión para ENCE", denuncian desde a Federación Galega de Transportes de Mercadorías (FEGATRAMER).
Ante o que consideran unha decisión "abusiva e inxustificada", a maioría dos transportistas que traballan para a compañía decidiron suspender temporalmente os seus servizos, en sinal de protesta, ata que se revisen as condicións económicas.
As organizacións de transportistas VIEIROS, CESINTRA e UITA (Asturias), EGAS (Pais Vasco) e a Confederación Española de Transporte de Mercadorías (CETM) mostraron o seu pleno respaldo ás mobilizacións galegas e reclaman a apertura urxente dunha mesa de negociación "que permita alcanzar un acordo xusto e equilibrado para todas as partes".
Desde FEGATRAMER insisten en que a postura de ENCE "non só é abusiva, senón tamén trasnoitada", lembrando que o mercado actual sofre falta de camións e profesionais.
A federación galega quixo tamén lembrar que o sector apoiou a continuidade da planta de Pontevedra cando o seu futuro estaba en dúbida. Por iso, consideran que a actual decisión da multinacional "é unha falta de consideración cara a quen contribúen cada día a manter a súa actividade".
O pulso entre ENCE e os transportistas acaba de empezar, pero a mensaxe do sector é contundente: "sen condicións xustas, os camións páranse".