A Unión Independente de Transportistas Autónomos (UITA) denunciou publicamente as presións que, segundo afirman, a empresa Ence estaría a exercer sobre os seus provedores de madeira.
O obxectivo, aseguran, sería desmobilizar aos transportistas que protestan ante a decisión da compañía pasteira ao conxunto de empresas de transporte que lle prestan servizo de imporlles que adapten os seus vehículos para aumentar a capacidade de carga máxima dos seus camións e que baixen o prezo por tonelada de madeira transportada.
Segundo UITA, Ence decidiu impor o transporte de catro toneladas adicionais por camión, ofrecendo a cambio un incremento "irrisorio" do prezo do transporte —entre o 5% e o 7%—, cando o custo real derivado do aumento da tonelaxe aproxímase ao 18%. "Trátase dunha imposición unilateral e inxustificada que deteriora aínda máis a situación económica e laboral dos transportistas", subliñan desde a organización.
A UITA asegura ademais que parte da presión de Ence sobre os seus provedores estaríase a levar a cabo con vehículos adquiridos grazas a subvencións públicas concedidas pola Xunta de Galicia e financiadas con fondos europeos destinados á mellora das explotacións forestais.
Estas axudas poden cubrir até o 40% do investimento en cabezas tractoras, semirremolques ou guindastres autocargantes.
O sindicato advirte que estes equipos estarían a ser utilizados para realizar servizos de transporte en competencia desleal cos transportistas profesionais, o que constituiría un uso indebido dos fondos europeos.
"Estas axudas europeas, en ningún caso, poden destinarse a vehículos que realicen transporte público de mercadorías, xa que a súa finalidade é a modernización e sustentabilidade das explotacións forestais, non a prestación de servizos de transporte a terceiros", lembran.
Ante esta situación, UITA solicitará á Xunta de Galicia a apertura dunha investigación inmediata para verificar o destino real das axudas e comprobar si os beneficiarios están a cumprir as condicións das convocatorias.
De confirmarse un uso irregular, advirten, estaríase ante unha "subvención encuberta" ao transporte, en contra das bases que regulan os fondos europeos.
Desde este sindicato de transportistas cualifican de "prácticas coercitivas" as actuacións de Ence, unha multinacional da celulosa que, ao seu xuízo, busca abaratar custos loxísticos á conta de debilitar as condicións do sector.
"Esiximos o cesamento inmediato destas prácticas, o respecto á negociación colectiva e a apertura dun diálogo real que garanta condicións xustas e sostibles para os transportistas", conclúe o comunicado.