A totalidade do comité de empresa de ENCE en Pontevedra, integrado por representantes de Comisións Obreiras, CIG e UXT, ofreceu este venres unha rolda de prensa no salón de actos do edificio dos sindicatos.
Fixérono para anunciar un calendario de folgas de doce días en protesta pola intención da compañía de iniciar un procedemento de despedimento colectivo no centro de traballo de Lourizán.
A convocatoria, aprobada por ampla maioría en asemblea, afectará tanto á planta pontevedresa como ao resto de centros produtivos da compañía e ás industrias auxiliares que dependen directamente da fábrica de celulosa.
Durante a comparecencia, o presidente e o secretario do comité, Santiago Cerqueiro e Omar Vázquez, acusaron á dirección de ENCE de "mentiras, compromisos incumpridos e traizón", o que, segundo afirmaron, provocou unha "guerra total aberta" entre a empresa e o seu persoal.
"Só podemos responder con toda a nosa forza e unidade ante esta ameaza directa de despedimento colectivo", advertiron os representantes dos traballadores.
O comité lembrou que durante anos o persoal "deixouse a pel" na defensa da continuidade da fábrica fronte á ría de Pontevedra, mentres a empresa usaba a súa permanencia como argumento para xustificar decisións corporativas.
Agora, tras a sentenza do Tribunal Supremo que avalou a prórroga da concesión, os sindicatos denuncian que a compañía non cumpriu os compromisos de investimento, emprego nin vinculación coa comunidade.
Segundo o comité, ENCE anunciara investimentos "por centos de millóns de euros" condicionadas á resolución xudicial, que "nunca chegaron", e un plan "Pontevedra Avanza" que, en palabras dos representantes sindicais, "non avanza a ningunha parte" e mantén "todos os seus investimentos paralizados".
Así mesmo, reprochan que a empresa incumpriu os acordos alcanzados tras a folga de xaneiro, convocada en protesta polas condicións laborais na planta, que describen como "cada día máis insalubres e inseguras".
O comité asegura estar sometido a "todo tipo de presións" por parte da empresa, que -segundo a súa versión- tenta que asinen un despedimento colectivo "fóra da canle legal" a cambio de "falsas promesas de investimento".
O despedimento afectaría, indican, a máis do 10% do persoal, o que suporía un expediente de regulación de emprego (ERE) sen garantías.
"Pretenden que vendamos a 40 compañeiros a cambio de 3 cochinos euros no custo de produción da fábrica", denunciaron.

Os representantes sindicais cualifican o proceso de negociación de "improvisado e irregular" e acusan á dirección de romper o diálogo.
Tamén criticaron a presenza de directivos de empresas competidoras, como Altri, nas instalacións de Pontevedra e Navia "incrementando e non diminuíndo o suposto rumor dunha posible venda pactada cunha redución previa de persoal".
O comité responsabiliza á dirección de ENCE de traspasar "todos os límites da boa fe", ao vincular os investimentos na fábrica á aceptación de despedimentos.
"Ameazóusenos pola dirección da empresa co peche da fábrica. Agora é a empresa quen ameaza co peche", aseguran. "Díxosenos que aceptamos o despedimento de 40 compañeiros pacíficamente ou que igual son os 282, en referencia a todo o persoal".
Ante esta situación, os traballadores esixen a implicación das administracións públicas, especialmente da Xunta de Galicia, para que "fagan efectivos os compromisos asumidos pola empresa co emprego e o investimento en Pontevedra".
"Agora mesmo a situación que ten ENCE é esta: unha guerra total na fábrica de Pontevedra, co seu persoal directo, co seu persoal auxiliar e até cos nosos transportistas", concluíu o comité.