Fomento paraliza a musealización de 18 castros apelando á falta de Goberno en Madrid

Pontevedra
07 de setembro 2016

A situación de incerteza política a nivel nacional afectou de forma directa ao proxecto para a posta en valor de 18 castros da provincia. Polo menos, iso é o que argumenta o Ministerio de Fomento, que se nega a cumprir os compromisos recollidos no protocolo asinado no seu día coa Deputación de Pontevedra

Traballos de escavación no xacemento arqueolóxico da Lanzada Mónica Patxot

A situación de incerteza política a nivel nacional afectou de forma directa ao proxecto para a posta en valor de 18 castros da provincia. Polo menos, iso é o que argumenta o Ministerio de Fomento, que se nega a cumprir os compromisos recollidos no protocolo asinado no seu día coa Deputación de Pontevedra.

O proxecto, consistente en tarefas de escavación en seis destes castros e labores de limpeza nos outros doce -traballos asumidos pola deputación-, ten que completarse coa musealización, consolidación, restauración, accesibilidade e sinalización dos mesmos, actuacións que son responsabilidade de Fomento.

Pero no goberno provincial aseguran estar "preocupados" pola inacción do ministerio. Carmela Silva denunciou hoxe que, a pesar de estar adxudicados estes traballos a unha empresa, o secretario de Estado négase a asinar a resolución do concurso "argumentando textualmente que non vai a mover un só papel mentres o Goberno estea en funcións".

Esta escusa sorprende á presidenta da deputación pontevedresa, xa que lembra que cando o Goberno concedeu a prórroga a Ence tamén estaba en funcións "e iso non supuxo ningún problema".

Os traballos que correspondían á Deputación -xa realizados na Trega (A Guarda), Castro Alobre (Vilagarcía) e A Lanzada (Sanxenxo)-, lembrou Carmela Silva, planificáronse para coordinarse con Fomento, de forma que a empresa adxudicataria empezase a traballar unha vez concluísen os arqueólogos provinciais. 

"Se Fomento non actúa de forma inmediata as escavacións corren un grave risco de deterioro, xa que se atopan expostos á maleza e ás forte chuvias que temos en Galicia", advertiu Silva, que avanzou que ante esta situación os arqueólogos propuxeron aprazar o resto dos traballos de escavación e limpeza nos outros quince castros "para non correr o mesmo risco".

A Deputación remitirá unha carta ao Ministerio de Fomento para esixirlles que se cumpran os compromisos adquiridos.