Foni Diaz, "en territorio seguro" tras días de bombardeos e detención en Teherán: "Voltarei a Irán"

Pontevedra
22 de xuño 2025

Estaba de viaxe cando Israel empezou os bombardeos. Quedou atrapado e detivérono e interrogárono sete horas en galego-portugués: "O galego mesmo pódeche axudar a non levar unhas boas ostias"

Foni Díaz, en Irán Foni Díaz

O venres 13 de xuño de 2025, cando Israel empezou a bombardear Irán no marco da Operación León Ascendente, Foni Diaz estaba en Teherán. Empezaron "días complicados" que agora, por fortuna, xa son só un recordo.

Desde Madrid, até onde foi repatriado grazas á intervención do Ministerio de Asuntos Exteriores, relata a experiencia e tamén recoñece que a situación complicada que viviu non escurece o grato recordo que garda do país.

Así, na noite do sábado asegurou, en declaracións a PontevedraViva: "Irán é un país ao que voltarei, teño un grato recordo de Irán".

Cóntao desde a tranquilidade de estar xa repatriado. Saíu de Irán a través de Armenia acompañado por persoal da Embaixada española en Teherán e o venres aterrou na base militar de Torrejón de Ardoz, en Madrid, xunto a outros cidadáns españoles que quedaran atrapados no país ao comezo dos bombardeos.

"Xa estou repatriado, non aínda no que é a miña patria, que é Galicia, estou en Madrid, pero xa en territorio seguro", relata, cheo de palabras de agradecemento á súa contorna e a todas as persoas que o axudaron a saír do país.

Foni Díaz durante a súa estancia en IránFoni Díaz

Insiste na "intervención fundamental" do deputado Nestor Rego e a senadora Carme da Silva, do BNG, cruciais no momento "de bastante apuro" que viviu en Teherán. "Estiven retido nun centro policial e interrogado sete horas" por tomar imaxes nas rúas de Teherán durante os ataques.

A actuación dos parlamentarios nacionalistas foi "decisiva" para liberalo. Ese interrogatorio realizouse en galego-portugués e este pontevedrés de adopción quere destacar, respecto diso, que "o galego mesmo pódeche axudar a non levar unhas boas ostias, para quen pense que non é útil".

Chancea con que se está relaxando tomando cervexas Estrella Galicia "porque a min a lei seca non me vai", pero sen perder de vista que o principio da súa visita a Irán foi "marabillosa".

Desde a súa jublación, está a percorrer o mundo e atopábase alí, nun "país moi descoñecido", que lle estaba encantando. Deuse conta de que hai "moitos prexuízos por parte da xente" e insiste en que "ten un enorme encanto".

Só ten boas palabras para a poboación de Irán. "É moi amable", asegura, e relata que "un pode circular con toda a tranquilidade do mundo, que non che van roubar a cámara nin a carteira nin nada, como pasa en países cristiáns, de América do Sur ou mesmo no noso país".

De feito, mesmo lembra que, antes do inicio dos bombardeos, xa comentaba aos seus amigos que "o único problema que podería vir de Irán sería que os de sempre, estamos falando de Israel ou de Estados Unidos e os seus aliados, o atacasen. E a min tócome a China que o atacaron".

Sobre a súa estancia de case unha semana baixo a ameaza das bombas, lembra os bombardeos e recoñece que "non o pasei moi ben" e, desde España, lembra "ao gran pobo iraniano". Tamén se acorda de Palestina, "que está sendo sometida a un xenocidio".

Foni Díaz durante a súa estancia en IránFoni Díaz