A Deputación de Pontevedra trasladará a campaña gastronómica 'O Sabor das Rías Baixas' ao recinto da Autoridade Portuaria de Vilagarcía entre este venres 27 e o domingo 29 de marzo.
A institución provincial tomou esta decisión despois de que o Concello de Vilagarcía denegase a autorización para instalar o vehículo na rúa Alcalde Rei Daviña, segundo indican desde a Deputación
A cronoloxía dos feitos comezou o 9 de marzo, data na que a administración provincial presentou por rexistro a solicitude para ocupar o espazo público.
Malia que a Policía Local emitiu un informe favorable sobre a ocupación da vía, a Xunta de Goberno Local rexeitou a petición este mércores 24 de marzo.
O informe municipal sinala que a rúa proposta, pola súa natureza comercial, non é o lugar adecuado para o desenvolvemento desta actividade.
A Deputación manifesta que lamenta que o Concello de Vilagarcía "vete as food trucks" de Rías Baixas.
Ante esta situación, a actividade coas food trucks desenvolverase no espazo xestionado pola Autoridade Portuaria. O horario de atención ao público será de 12:30 a 15:30 e de 18:30 a 21:30 horas.
Nestas xornadas, distribuiranse petiscos de balde baseados en produtos de festas gastronómicas de toda a provincia, incluíndo a Ameixa do Carril, o Albariño de Cambados ou o Mexillón de Vilanova.
O Concello de Vilagarcía respondeu ante a nota emitida pola Deputación queixándose sobre a falta de autorización en Rei Daviña que "nos parece totalmente infantil a nota de prensa remitida pola Deputación por unha cuestión tan nimia e común como esta".
Afirman que "o Concello recibe ao cabo do ano numerosas peticións deste tipo por parte de particulares, colectivos ou administracións, a algunhas das cales non se lles autoriza o emprazamento proposto por razóns diversas... Na mesma resolución se lles indica que propoñan un lugar alternativo para poder celebrar a actividade. Así se fixo coa Deputación agora e non hai moito con outra actividade da Xunta de Galicia, por poñer só exemplo"
"A administración autonómica propuxo outro emprazamento e, como non representaba inconveniente algún, concedéuselle, como era de esperar. O que se tería feito se a Deputación seguise o procedemento en lugar de crear polémicas puerís e estériles que en nada benefician á cidadanía nin á imaxe da propio organismo provincial", conclúen.
ENFRONTAMENTO POLÍTICO
Este desacordo administrativo prodúcese nun momento de tensión política entre as dúas institucións. O goberno de Vilagarcía denunciou recentemente a súa exclusión do Plan Extra da Deputación, o que supón a perda de fondos para as obras de humanización das rúas Aduana e Cruz.
Mentres a Deputación atribúe esta exclusión a deficiencias técnicas nos proxectos presentados polo Concello, o executivo local sostén que a decisión responde a criterios políticos. O goberno municipal xa anunciou que presentará un recurso contencioso-administrativo para reclamar os investimentos.