A gastronomía pontevedresa está a piques de botarse á estrada. A partir do 28 de xaneiro e até finais de abril, a Deputación de Pontevedra poñerá en marcha "Food Trucks: Sabor Rías Baixas", unha campaña destinada a promocionar as festas culinarias de interese turístico da provincia.
O anuncio foi realizado este mércores polo presidente provincial, Luis López, durante a presentación das tres food trucks que protagonizarán esta sabrosa viaxe.
Estas tres unidades móbiles percorrerán o norte, o centro e o sur da provincia, ofrecendo 366 degustacións en cinco meses. Os petiscos estarán inspirados nos menús das 25 festas gastronómicas de interese turístico galego, nacional e internacional, convertendo cada parada nun pequeno festival de sabores das Rías Baixas.
A iniciativa aspira a chegar a todos os recunchos do mapa pontevedrés xa que visitará os 61 concellos, con sesións de tres horas ao mediodía (12:30–15:30) e pola tarde (18:30–21:30).
As food trucks estarán activas cinco días á semana, sempre incluíndo sábados, domingos e festivos. En circunstancias de grande afluencia poderán permanecer ata tres días no mesmo municipio. Ademais das degustacións, o público atopará material informativo sobre as festas protagonistas.
O deputado de Turismo e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, subliñou que a enogastronomía "é un elemento fundamental dentro de Rías Baixas". Destacou a variedade de produtos que se poderán probar "desde a costa ata o interior" e a necesidade de seguir ampliando a promoción máis alá das fronteiras españolas para garantir actividade e estabilidade laboral durante todo o ano no sector turístico.
Tamén agradeceu o compromiso do presidente provincial, lembrando que o orzamento en Turismo para 2026 medrará un 17 % respecto de 2025.
Pola súa banda, Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, enxalzou a campaña como un paso máis para combater a desestacionalización: "Axúdanos a manter postos de traballo e os nosos establecementos abertos".
Lembrou, ademais, que, mesmo dentro da propia provincia, "somos grandes descoñecedores de todos os destinos e produtos que temos". A gastronomía e o enoturismo son, dixo, a segunda razón pola que Galicia recibe visitantes.
O alcalde de Lalín, Xosé Crespo, falou en nome dos rexedores presentes, reivindicando o papel central da cociña na oferta turística, xa que, segundo recalcou "o turismo sen gastronomía non é un turismo completo".
Crespo presumiu da diversidade culinaria provincial, con feiras repartidas de norte a sur asegurando que "non hai ningunha provincia en España que poida presumir dunha gastronomía tan rica e tan elaborada como Pontevedra".
No peche do acto, o presidente Luis López destacou que a campaña supón "un paso adiante na diversificación da nosa oferta turística" e unha "aposta decidida" por un modelo sustentable e descentralizado.
Enumerou algunhas das delicias que dan identidade ás festas gastronómicas pontevedresas: lacón con grelos, caldo, millo corvo, requeixo, ostra, choco, salmón, galo de curral, troita, langosta, vieira, carneiro ao espeto, mexillón, xamón, lamprea, albariño, cocido… "isto que tanto nos move e que tanto nos gusta", resumiu.

Food trucks da campaña 100% Gastronomía das Rías Baixas

Food trucks da campaña de promoción das Rías Baixas