Formalízase a cesión ao Concello do tramo da N-550 que permitirá acometer a Variante de Alba

Pontevedra
13 de febreiro 2025

Trátase dun espazo da vía de 3,2 quilómetros, que vai desde Pasarón ata a conexión coa PO-225, á altura do lugar de Touceda, na parroquia de Alba

Lores amosa o plano do tramo da N-550 que pasa ao Concello
Lores amosa o plano do tramo da N-550 que pasa ao Concello / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves tras a Xunta de Goberno a agardada cesión dun tramo da estrada N-550 por parte do Goberno central ao Concello.

Trátase dun espazo da vía de 3,2 quilómetros, que vai desde Pasarón ata a conexión coa PO-225, a altura do lugar de Touceda, na parroquia de Alba

Esta cesión, reivindicada durante anos polo goberno local, permitirá avanzar, segundo Lores, en tres aspectos fundamentais: a construción da variante de Alba, a mellora da seguridade viaria e a integración urbana da vía.

O alcalde explicou que, ao ser unha estrada de titularidade estatal, ata agora calquera intervención no seu trazado requiría autorizacións previas, o que dificultaba actuacións básicas como a instalación de infraestruturas de auga ou saneamento.

Con este cambio, o Concello poderá iniciar un proxecto para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade, así como reducir as velocidades máximas permitidas.

O obxectivo é que todo o tramo urbano da N-550 teña un límite de 30 km/h, especialmente en zonas de alto tráfico peonil, como as inmediacións do campus universitario.

Ademais, esta cesión facilitará a integración urbanística da estrada na cidade, eliminando restricións que afectaban a vivendas unifamiliares e novas urbanizacións situadas nun radio de 25 metros da vía.

O alcalde avanzou que se encargará un proxecto técnico para abordar estas melloras de forma paulatina, priorizando as actuacións máis urxentes, como a reurbanización da avenida Compostela, onde se rexistran velocidades de ata 80 km/h nunha zona con alta afluencia de peóns.

Fernández Lores subliñou que a integración urbana da N-550 será un proceso "lento" que implicará a participación de iniciativas públicas e privadas, así como a coordinación co campus universitario e outros axentes.

Con todo, avanzou que se realizarán actuacións inmediatas para reducir as velocidades e mellorar a seguridade viaria. Para iso vai estudarse a instalación de rotondas, lombos ou a ampliación de beirarrúas.

Vista aérea do campus de Pontevedra na Xunqueira e da avenida de Compostela
Vista aérea do campus de Pontevedra na Xunqueira, da avenida de Compostela e da N-550 Universidade de Vigo

ILUMINACIÓN DE LÉREZ E A SÚA CONTORNA

O Concello adxudicou á empresa SERGA a instalación de 1.397 luminarias LED na zona norte da cidade, que inclúe áreas vencelladas á parroquia de Lérez como o barrio do Burgo, o campus universitario, a praza de Pasarón e as inmediacións da avenida Médico Ballina e Juan Bautista Andrade.

Este proxecto conta cun orzamento de 1.357.087 euros e reducirá, segundo o alcalde, a contaminación lumínica, a luz intrusa e o consumo eléctrico, contribuíndo á eficiencia enerxética e á diminución da pegada de carbono.

A empresa adxudicataria asumirá o mantemento e a responsabilidade do sistema durante catro anos.

Fernández Lores destacou que, con esta actuación, o 75% da cidade xa contará con iluminación LED. As únicas áreas pendentes da modernización lumínica son as parroquias de Tomeza e Salcedo, así como parte do centro leste e do casco histórico.