As intensas choivas caídas na tarde do xoves 18 de decembro deixaron unha vez máis estampas de rúas alagadas e numerosos incidentes ao longo da comarca do Salnés.
A primeiras horas da tarde concentrouse a maior parte das precipitacións, chegando a estación meteorolóxica de Corón a rexistrar doce litros por metro cadrado cando coincidía coa preamar.
En Cambados, o Servizo de Emerxencias do Concello tivo que actuar en diversos puntos do municipio debido ás balsas de auga e vías alagadas.
As zonas máis afectadas incluíron a Praza do Concello, o Parador, a Avenida de Galicia, a Avenida de Castrelo, a Avenida de Vilagarcía, Pombal, Ribeira de Fefiñáns e a Rúa Carreira.

Segundo recolle o Diario de Arousa, en Vilagarcía, a Rúa do Río e a Avenida Rosalía de Castro quedaron completamente alagadas ao desbordar as arquetas durante varios minutos, dificultando a circulación.
As consecuencias das choivas tamén afectaron a eventos sociais. A ANPA do Arealonga viuse obrigada a suspender a Festa de Nadal debido ás graves pingueiras que se produciron no pavillón do centro.
A asociación denuncia que levan anos reclamando unha mellora destas instalacións, onde as filtracións de auga son habituais.
A situación foi especialmente complicada no Grove, onde a choiva e o vento deixáronse notar con intensidade.
As arquetas das casas desbordaron fecais e varios colectores foron desprazados metros na zona do Corgo, na rotonda de República Arxentina e nas inmediacións da Casa Consistorial. As bolsas de auga chegaron a alcanzar unha considerable altura.
Para este venres, Meteogalicia prevé que as precipitacións remitan ao longo da xornada, principalmente na zona do litoral da provincia de Pontevedra.
