Fronte común das confrarías e os comercializadores ante a "alarmante situación" que vive o marisqueo

Pontevedra
01 de novembro 2025
Actualizado: 13:48

Alertan de que está "nunha situación moi comprometida", especialmente nos dous últimos anos, polas elevadas temperaturas da auga de mar no verán e fortes choivas no outono e inverno

Reunión da Federación Provincial de Confrarías con Agacomar
Reunión da Federación Provincial de Confrarías con Agacomar /

A "alarmante" situación que vive o sector do marisqueo galego nos últimos anos levou á Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e a asociación galega de comercializadores de marisco (Agacomar) a facer unha fronte común.

Ambas as entidades mantiveron un encontro o pasado 28 de outubro para analizar a situación e propor actuacións para abordar a "difícil situación" e, sobre todo, para poder garantir a súa continuidade a medio e longo prazo como unha actividade fundamental do sector do mar galego.

Consideran que a situación é de tal gravidade que "urxe analizar con detalle" a situación actual, as causas e as fortalezas e debilidades da actual estrutura do marisqueo tanto desde o punto de vista produtivo como do organizativo ou do administrativo.

Ven necesario realizar unha análise profunda do actual sistema de xestión do marisqueo galego que "permita sentar as bases para a súa resiliencia".

Tamén lles parece "moi necesario" o deseño urxente de medidas que, no posible, contribúan a evitar tanto a constante sangría de persoas e empresas que abandonan o marisqueo. "Galicia non se pode permitir unha perda, da magnitude que parece previsible de non cambiar as cousas, nun dos seus sectores emblemáticos", sosteñen.

O sector pon todas as súas expectativas de mellora no traballo dos científicos, que están seguros que alcanzarán solucións "axeitadas a problemas tan complexos" como os do marisqueo.

Ambas as entidades entenden o marisqueo en Galicia como una cadena na que non sobra ningún dos seus elos e que só do traballo conxunto de todos eles poderanse alcanzar solucións axeitadas a esta complexa situación.

Estas dúas entidaes solicitarán unha reunión á conselleira do Mar e a directora de desenvolvemento pesqueiro, na que se presentarán as conclusións desta reunión, así como a proposta de medidas de urxencia que contribúan a manter a actividade e o emprego a curto e medio prazo.

Así, alertan de que o marisqueo en Galicia atópase nunha "situación moi comprometida", especialmente nos dous últimos anos, nos que concorreron "factores moi negativos" para o marisco, especialmente as elevadas temperaturas da auga de mar no verán, seguidas de fortes choivas ao longo do outono e inverno.

Esta situación está a provocar uns "descensos da produción marisqueira nunca rexistrados en Galicia" e, como consecuencia, unha falta de ingresos durante meses para moitas familias cuxa subsistencia depende do marisqueo.

O sector indica que aínda que a administración galega habilitou liñas de axudas de urxencia para o sector marisqueiro, "esa nin pode nin debe ser a solución" á actual problemática deste sector; senón que o marisqueo galego, por si mesmo, debe ser quen de achegar ás persoas mariscadoras uns niveis de ingreso dignos e acordes ao seu traballo, como tradicionalmente viña sendo.