Fundamed concede o selo de calidade ao servizo de Farmacia do complexo hospitalario

Pontevedra
19 de decembro 2023

A Fundación de Ciencias do Medicamento e Produtos Sanitarios entrega este recoñecemento ao servizo de Farmacia pola xestión da información aos pacientes oncolóxicos. O acto celebrouse este martes no hospital Montecelo, presidido polo xerente da área sanitaria, José Flores

O doutor Carlos Crespo Diz, xefe do servizo de Farmacia, co selo de calidade Área sanitaria de Pontevedra - O Salnés

A Fundación de Ciencias do Medicamento e Produtos Sanitarios (Fundamed) entregou o selo de calidade ao servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra pola información ao paciente oncolóxico desde a perspectiva multidisciplinar.

Este recoñecemento atópase avalado pola Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria co apoio da Alianza Xeral de Pacientes.

Avalíase a accesibilidade que os pacientes teñen cos farmacéuticos; as posibilidades de contacto con eles; uso de novas tecnoloxías e métodos alternativos que utiliza o Servizo de Farmacia para comunicarse e realizar un seguimento da evolución da pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Esta acción busca que as persoas que desenvolven a enfermidade reciban unha información útil, comprensible e adecuada ás súas necesidades individuais.

Nun acto celebrado este martes no hospital Montecelo realizábase entrega da distinción coa presenza de José Flores Arias, xerente da área sanitaria e Paloma García do Moral, directora de Calidade de Fundamed.

O doutor Carlos Crespo Diz, xefe do servizo de Farmacia da área sanitaria, recollía o galardón, acompañado polo subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, o doutor Jorge García-Borregón Millán.

Carlos Crespo explicou que a característica que define ao servizo que lidera é a "constante aposta e compromiso coa calidade e coa innovación". Recoñeceu que este selo supón un "estímulo para o equipo que nos anima a seguir traballando na seguridade, na calidade e na atención continuada dos nosos pacientes".

Engadiu que o paciente oncohematolóxico resulta, cada vez, un paciente máis complexo e crónico ao que é necesario acompañar nas distintas fases do tratamento e ofrecerlle unha continuidade asistencial.

O complexo hospitalario pontevedrés foi o centro de pilotaxe deste modelo de certificación para que os pacientes reciban unha información veraz e entendible.