Galicia prepárase para o gran día da eclipse con máis autobuses e un plan especial de mobilidade

Pontevedra
25 de xullo 2026

A Xunta activará o Platerga e reforzará o transporte público por estrada con motivo da eclipse de 12 de agosto

Xornada formativa para contemplar a eclipse solar

A eclipse total de sol do próximo 12 de agosto porá a proba a capacidade de Galicia para absorber a chegada de miles de persoas que buscarán os mellores lugares desde os que contemplalo.

Con esa previsión sobre a mesa, a Xunta despregará un dispositivo especial de transporte por estrada para facilitar os desprazamentos e tratar de aliviar o tráfico que se espera nalgúns dos puntos con maior interese para a observación.

O plan inclúe reforzos no eixo atlántico e na Mariña lucense, unha das zonas que máis visitantes podería recibir ao ser Ribadeo o municipio galego onde a eclipse terá unha maior duración.

A intención é que quen opten polo autobús dispoñan dunha alternativa ao coche privado nunha xornada na que se prevén desprazamentos masivos dentro e fóra da comunidade.

Entre as principais novidades figura un servizo extraordinario entre Vigo e Ferrol, con saída ás 12.35 horas e chegada ás 15.30, ademais dun reforzo entre Vigo e A Coruña, que partirá ás 14.00 e chegará ás 16.15. Estes enlaces contarán con paradas tamén na estación de autobuses de Pontevedra.

Ambos completarán a oferta habitual destas liñas e regresarán ás 23.00 horas, unha vez concluída a observación da eclipse.

Os billetes para estes servizos especiais sairán á venda aproximadamente dúas semanas antes da eclipse. Poderán adquirirse tamén o mesmo día, sempre que queden prazas libres.

Nas liñas do eixo atlántico a venda estará dispoñible nas estacións de autobuses até dúas horas antes da saída. Os viaxeiros poderán utilizar a Tarxeta de Mobilidade de Galicia e acceder ás bonificacións habituais.

A operativo forma parte do dispositivo que a Xunta vén preparando desde principios de ano para afrontar unha xornada que se espera histórica tanto desde o punto de vista científico como turístico.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou que Galicia reúne unhas condicións privilexiadas para seguir o fenómeno, circunstancia que fai prever unha elevada afluencia de visitantes.

Diego Calvo informa sobre o reforzo do transporte pola eclipse Xunta de Galicia

Esa previsión levou tamén ao Goberno galego a deseñar un plan específico de coordinación entre administracións.

Durante a semana previa á eclipse activarase o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e, posteriormente, comezará a funcionar un Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) desde a sede do 112 Galicia, na Estrada.

Desde alí realizarase o seguimento da xornada e coordinarase a resposta dos distintos servizos de emerxencias, seguridade, mobilidade, sanidade e protección civil, xunto con representantes do Estado e dos concellos.

A Xunta lembra ademais que mantén activa unha páxina web específica sobre a eclipse, onde os cidadáns poden consultar un mapa interactivo con información detallada de cada municipio. O portal recolle datos como a hora de inicio e final do fenómeno, a previsión meteorolóxica elaborada por Meteogalicia e recomendacións para unha observación segura e respectuosa coa contorna natural.

Todo apunta a que o 12 de agosto será unha das xornadas con maior movemento turístico do verán en Galicia. O reto para as administracións pasa agora por conseguir que miles de persoas poidan gozar do fenómeno astronómico sen que o tráfico e as aglomeracións "eclipsen" tamén o espectáculo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora