Galicia manterá "de momento" o calendario de vacinación e descartan problemas para poñer a segunda dose

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

"De momento, mantemos o calendario como estaba previsto", asegurou Feijóo, que lembrou que  Sanidade sempre tentou manter doses sen usar ante unha posible "rotura de stock". Sacou peito desta decisión da súa administración e da importancia de ser "previsor" 

Persoal sanitario con caixas coa vacina
Persoal sanitario con caixas coa vacina / Xunta de Galicia

Os problemas co calendario de vacinación que se están vivindo noutras comunidades autónomas non chegarán a Galicia, polo menos "de momento". Así o garante o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que este xoves, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, asegurou que "se o luns chegan as doses que están previstas, Galicia non terá os problemas que teñen outras comunidades". 

"De momento, mantemos oucalendario como estaba previsto", asegurou Feijóo, que lembrou que Sanidade sempre tentou manter doses sen usar ante unha posible "rotura de stock". Agora que eses problemas poden chegar polos problemas na distribución de vacinas que chegan á Unión Europea e, por tanto, a España, teñen esas doses en reserva.

Feijóo sacou peito desta decisión da súa administración e da importancia de ser "previsor" e non dispensar todas as doses sen ter un mínimo de garantías de que se vai a poder ter material suficiente para completar o proceso de vacinación e poñer a segunda dose á poboación que recibe a primeira. 

No seu caso, segundo explicou, sempre gardan entre o 28 e o 30% das vacinas para as segundas doses e, desa forma, se se mantén esa entrega de vacinas de Pfizer prevista para o luns, non perigará a segunda dose pendente nalgunhas residencias da terceira idade e para o persoal sanitario. 

Respecto diso, Feijóo tambíen garantiu que a Consellería de Sanidade mantén a previsión de acabar coa segunda dose nas residencias -ás persoas maiores e persoal que as atende- e nos centros de persoas dependentes. Ademais, manteñen o calendario previsto para completar a primeira dose ao persoal sanitario que está en primeira liña atendendo a pacientes con covid-19. 

"De momento, non paramos a vacinación", garantiu, e tamén deu a coñecer que o sistema sanitario galego utilizou cada vial da vacina de Pfizer para seis pacientes, de modo que "nos dá un plus de número de persoas" que poden recibir a vacina.