"Galicia non vai parar", di un Núñez Feijóo que celebra que os galegos falaran "con sentidiño"

Pontevedra
25 de setembro 2016

Fíxose de rogar ata pasadas as once e media da noite, pero a súa cara non podía ocultar a súa felicidade. Un pletórico Alberto Núñez Feijóo, tras lograr a súa terceira maioría absoluta consecutiva, asegurou que nestas eleccións autonómicas do 25-S os galegos falaron con "moita claridade" e con "sentidiño"

Alberto Núñez Feijóo celebra unha nova maioría absoluta do PP en Galicia
Alberto Núñez Feijóo celebra unha nova maioría absoluta do PP en Galicia /

Fíxose de rogar ata pasadas as once e media da noite, pero a súa cara non podía ocultar a súa felicidade. Un pletórico Alberto Núñez Feijóo, tras lograr a súa terceira maioría absoluta consecutiva, asegurou que nestas eleccións autonómicas do 25-S os galegos falaron con "moita claridade" e con "sentidiño".

Arroupado pola súa nai, a súa parella -nai do seu futuro fillo- e da súa irmá, Núñez Feijóo agradeceu o apoio maioritario dos galegos e avanzou que traballará para "estar á altura" da confianza depositada.

"Hoxe faláchedes vós, desde as cidades e aldeas fálachedes libremente, desde a ilusión e a esperanza, desde as preocupacións dixéchedes que si, que en Galicia si", dixo ante numerosos militantes e simpatizantes do partido.

En todo caso, o líder do PPdeG reiterou que "non gañei nada só ", senón que foi un triunfo compartido con todo o partido. Ademais, celebrou o feito de que en Galicia non vaia a haber "bloqueos, líñas vermellas, vetos nin parálise", despois de que os galegos falasen "con claridade e contundencia".

"Por fin hai unha excepción de unidade, de estabilidade e de responsabilidade en España", explicou o reelixido presidente da Xunta, que avanzou que grazas a este resultado electoral "Galicia non vai parar", senón que "seguirá avanzando desde o primeiro minuto".

Durante a súa comparecencia, Feijóo aproveitou tamén para reiterar que o seu "presente" é seguir servindo a Galicia como o seu presidente e que este é a "maior honra" que pode ter un galego que se dedica á política, polo que ratificou que así o fará ata 2020.

OUTRAS REACCIÓNS

Pola súa banda, o candidato de En Marea, Luís Villares, destacou que este 25 de setembro iníciase " o camiño" para derrotar ao PP nas próximas autonómicas. 

O xuíz en excedencia sinalou, acompañado de Xosé Manuel Beiras, e os alcaldes Martiño Noriega (Santiago) e Xulio Ferreiro (A Coruña), que En Marea cumpriu dous dos obxectivos que se marcaron para o 25-S: converterse en "alternativa" para poder "articular" os "desexos" da cidadanía e que "todo o mundo volvese a votar con ilusión e con "un sorriso" porque "agora si" se senten "representados" por unha formación política.

Menos positivo foi o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga que fixo un chamamento ao seu partido para "corrixir erros" e facer "autocrítica" ante o mal resultado electoral coa perda de catro deputados, algo que non lle deixa nin "satisfeito" nin "contento".

"Seguramente non fomos capaces de explicarlle os galegos a nosa alternativa e que se nos visualizase como alternativa. E iso dificulta que o cambio se produza en Galicia", explicou o candidato socialista.

Como un "punto de inflexión" ven no BNG os resultados electorais. A súa candidata, Ana Pontón, avanzou que este "tempo novo" servirá para que exista no Parlamento galego unha voz "clara, firme e contundente" na defensa dos intereses do pobo galego e que "non defraudará" a confianza depositada nela.

Con todo, recoñeceu que non son os resultados que esperaban os nacionalistas, ao revalidar o PP a súa maioría absoluta, polo que "ao final non foi posible" un cambio político en Galicia. A pesar diso, dixo, "a lectura non debe ser a desazón nin a desesperanza" senón traballar para formar unha alternativa "máis sólida e solvente".

A que se quedou fóra do Parlamento, a candidata de Ciudadanos, Cristina Losada, recoñeceu estar "decepcionada", pero achacou esta circunstancia á "inxusta" lei electoral. O partido, dixo, traballará en todo caso para entrar na cámara dentro de catro anos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en