Galicia recupera o 'certificado covid' para o lecer nocturno

Pontevedra
27 de setembro 2021

Se se cumpren as previsións da Xunta de Galicia, a partir da próxima fin de semana para acceder ao locais lecer nocturno, pubs e discotecas fundamentalmente, pedirase o 'certificado covid' que acredite contar coa pauta completa de vacinación

Proba piloto para a reapertura do lecer nocturno na Pomada
Proba piloto para a reapertura do lecer nocturno na Pomada /

Se se cumpren as previsións da Xunta de Galicia, a partir da próxima fin de semana para acceder ao locais lecer nocturno, pubs e discotecas fundamentalmente, pedirase o 'certificado covid' que acredite contar coa pauta completa de vacinación.

Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que defende que esta medida vén avalada pola recente sentenza do Tribunal Supremo.

A intención do goberno galego é que o comité clínico aborde este martes o novo protocolo de actuación para o lecer nocturno que, ademais de recuperar o uso do certificado, permitirá ao sector pechar unha hora máis tarde, ás catro da madrugada e aumentar aforos.

As autoridades consideran "prudente" fixar este novo horario nunha "primeira etapa", pero García Comesaña avanzou que este límite poderá ser revisado en calquera momento.

Ademais do lecer nocturno, a Xunta quere ampliar o uso deste 'certificado covid' para regular o acceso, entre outros, a hospitais e residencias da terceira idade.

A Xunta confía en que estas restricións contribúan a "impulsar" a vacinación entre o segmento poboacional entre 20 e 39 anos que, segundo Sanidade, "está por baixo da media".

Ata o momento, o 93,5% da poboación diana de Galicia (maiores de 12 anos) recibiron polo menos unha dose da vacina, mentres que o 91,5% ten a pauta completa.