Ata novo aviso non se poderán crear novas plantación de eucalipto en Galicia. Só estará permitido repoñelos nas zonas que xa estaban autorizadas. Así o anunciou este xoves o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Esta é unha das medidas que se recolle nun informe da Consellería do Medio Rural sobre a diversificación do monte galego.
O goberno galego considera que a superficie de eucaliptal non debería seguir aumentando, polo que consideran que se deben establecer criterios técnicos para regular a súa ocupación.
A este respecto avanzan mesmo que é preciso establecer medidas para a redución da actual superficie nunhas 20.000 hectáreas nos próximos vinte anos. Isto non repercutiría na produción, explica o informe, se se mellora a súa silvicultura nas zonas nas que están xa plantados.
O carácter temporal desta medida, segundo Núñez Feijóo, fundaméntase na necesidade de obter información precisa do monte galego e de elaborar plans estratéxicos para impulsar as masas de coníferas, soutos e outras frondosas.
Esta regulación das novas plantacións busca consolidar un monte "diverso e ordenado", mellorar a eficiencia na xestión e asegurar a demanda de madeira para o sector forestal ou frear a "tendencia de desequilibrio" das especies forestais ante o avance do eucalipto.
Anticiparse aos lumes forestais, fomentar a substitución dos eucaliptos por outras árbores autóctonas ou limitar a súa presenza nas marxes das canles fluviais son outros dos obxectivos das medidas que está a estudar a Xunta de Galicia.
Ao tempo que se regula o eucalipto, o executivo autonómico quere potenciar outras especies, cun plan específico para o piñeiro e outro para o castiñeiro e para o resto das frondosas, a través de plans estratéxicos específicos para cada unha destas especies.
Outro dos obxectivos de esta reordenación do monte será a valorización de produtos forestais como as resinas, as cortizas, os piñóns, as castañas, os cogomelos ou o aproveitamento pastoril en terreos forestais desarborados.