Marta Villanueva Piñeiro converteuse na flamante gañadora do concurso máis esperado do comercio local de Marín, "O Escaparate Estrela" acertando o valor de todo o exposto por só un céntimo de diferenza respecto do seu valor real que era de 7.355,90 euros. Todo un golpe de sorte e precisión.
Marta participou cun ticket procedente da tenda Deportes Xesta. Fronte a máis de 1.000 tickets presentados, a súa aposta levou o gran premio consistente en todo o contido do espectacular escaparate que representaba o mellor do comercio marinense.
A emoción desatouse este sábado durante a gala final da campaña, celebrada ao grande e coa asistencia da alcaldesa María Ramallo, o director xeral de Comercio e Consumo Gabriel Alén, e outras autoridades.
A cita foi o broche de ouro a unha iniciativa promovida polo Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, en colaboración coa Xunta, dentro do programa "O teu comercio local é extraordinario".
O corazón da campaña foi o rechamante "Escaparate Estrela", unha mostra de produtos e servizos que reuniu o mellor do comercio local.
Seguindo a mecánica do mítico concurso El Precio Justo, as persoas participantes debían adiviñar o valor exacto do escaparate. Quen usaron a app 'Comercio de Marín' tiveron aínda máis vantaxes para participar.
A xornada foi unha auténtica festa para toda a familia con música en directo, actividades infantís, xogos tradicionais e mesmo un Festival Internacional de Maxia, onde se viviron actuacións tan especiais como a de Brassica Rapa, a Maxia para Bebés, Luigi Ludus, Luiba, Gonza Martini, Oliver, Lore Lavand e o Mago Koko.
Durante a gala, a cantante Lucía Pérez puxo a nota musical, mentres Gabriel Alén destacaba o gran impacto cultural e económico da campaña, que recibiu unha axuda extraordinaria de 50.000 euros polo seu carácter innovador e a súa aposta por revitalizar o comercio local.
Sen dúbida, o "Escaparate Estrela" foi todo un acerto e Marín xa está a desexar ver que nos deparará a próxima edición.