As obras de construción da piscina municipal cuberta de Bueu, paralizadas desde xullo pola xubilación do arquitecto do Concello, reanudaranse nos próximos días. O goberno municipal asegura que, a pesar deste atraso, a instalación estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020, tal e como estaba previsto inicialmente.
O alcalde, Félix Juncal, mantivo este mércores unha reunión coa empresa adxudicataria e co novo arquitecto municipal, Francisco Javier Ontañón Clemente, quen asumirá a dirección da obra e a coordinación de seguridade e saúde
Despois deste encontro, os servizos técnicos municipais visitaron as obras da piscina das Lagoas xunto á adxudicataria, Obras y Servicios Gómez Crespo SL, para ver as cuestións e aspectos técnicos de cara á programación das obras os próximos meses.
Esta obra foi adxudicada por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só faría fronte a menos de 50.000 euros.
Esta instalación vai supoñer, recorda o Concello, un gran incremento da saúde e na vida deportiva dos cidadáns e cidadás, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25 metros), se habilitarán diversas salas polivalentes para fomentar a práctica doutros deportes.