Un grupo de compañeiros, familiares e amigas das dúas traballadoras das piscinas de Campolongo, que foron condenadas a 3 anos e un mes de prisión por formar parte dun piquete durante a folga de empregados das piscinas, portaron unha pancarta de solidariedade coas dúas empregadas durante a manifestación do Primeiro de Maio, organizada por Comisións Obreiras (CC.OO.), UGT e TSP. O grupo portaba unha pancarta na que se podía ler: "Todos somos Tamara e Ana. Sentencia inxusta".
O secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, arremetía contra a actuación da Fiscalía neste caso realizando unha comparación coa condena a un veciño de Figueirido que lle propinou patadas e puñazos a un mozo de Marín e o cortou cunha navalla durante unha agresión: "Acaba de facerse pública a condena dunha persoa que agrediu un rapaz de Marín ata deixalo inconsciente, meteulle varias coiteladas e só lle caen 18 meses. Como se pode entender cando por incidentes sen case importancia se obriga a unhas traballadoras a ir á cadea?"
García Pedrosa indicou que por parte da Fiscalía existe un "compoñente ideolóxico de recorte dos dereitos básicos e constitucionais".
Segundo a sentenza da Audiencia de Pontevedra, as condenadas utilizaron violencia física en forma de "empuxón ao xerente das instalacións para vencer a súa resistencia a que o grupo do cal formaban parte aquelas entrase na zona da piscina" e tamén considera que empregaran "forza nas cousas mediante o lanzamento de pintura de cor vermella e xabón líquida ás bancadas e á auga da piscina".
Comisións Obreiras ten previsto iniciar unha campaña de apoio a estas traballadoras non sindicadas a través da recollida de firmas e de entrevistas con representantes públicos que eviten a entrada das dúas traballadoras en prisión.