O servizo de Gardacostas de Galicia auxiliou este domingo a tres persoas que navegaban nunha embarcación de recreo nas proximidades da illa de Tambo, na ría de Pontevedra.
O operativo activouse arredor das 14:40 horas, tras recibir o aviso do 112-SOS Galicia sobre unha lancha a motor que se atopaba sen propulsión e con dificultades para navegar.
Para a asistencia mobilizouse a embarcación auxiliar do buque Ría de Vigo, que nese momento estaba atracada no porto de Marín.
Os efectivos de salvamento desprazáronse ata o punto sinalado para localizar os tripulantes e iniciar as manobras de remolque.
Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que os ocupantes, tres homes adultos, se atopaban en bo estado de saúde.
A intervención concluíu co traslado da lancha e dos seus pasaxeiros ata o porto deportivo de Ponte da Barca, en Pontevedra, onde a embarcación ten a súa base habitual.