O Goberno cancela a Variante Oeste de Caldas e inicia unha nova etapa de planificación

Umia
04 de marzo 2026
Actualizado: 13:35

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este mércores a cancelación do proxecto, tras meses de protestas veciñais

Besteiro Caldas PSdeG-PSOE

Caldas de Reis vive un cambio de rumbo no controvertido proxecto da Variante Oeste. Este mércores, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse coa veciñanza das parroquias afectadas e co alcalde, Jacobo Pérez, para anunciar a decisión que pon fin á configuración actual do proxecto.

Segundo anunciou Besteiro, "o Goberno vai cancelar o actual proxecto e abrir unha nova etapa para reformular a solución de mobilidade nesta zona".

O obxectivo, subliñou, é buscar alternativas que permitan desviar o tráfico da estrada N-640 ao redor de Caldas sen as importantes afeccións sociais e territoriais que xeneraba o trazado inicial.

O líder dos socialistas galegos indicou que o Ministerio iniciará agora un proceso de estudo para deseñar unha nova circunvalación que se adapte mellor ás necesidades do territorio.

Esta decisión reflicte, segundo Besteiro, a importancia de escoitar á veciñanza e analizar con detalle os proxectos antes de tomar medidas que afecten ao concello e á comarca.

Ademais, os socialistas levarán ao Parlamento de Galicia a proposta de reactivar a VG-47, a infraestrutura que debía conectar o porto de Vilagarcía coa AP-9 e que permanece paralizada desde hai máis dunha década.

Entenden que reactivar esta vía permitiría mellorar a conexión co porto e contribuír a unha planificación máis ordenada das infraestruturas locais.

Pola súa banda, o alcalde Jacobo Pérez destacou o papel activo da veciñanza e das plataformas cidadás, que nos últimos meses realizaron numerosas xuntanzas e xestións para demostrar que o proxecto tal e como estaba plantexado non era a solución máis adecuada para Caldas.

Pérez sinalou que, coa cancelación, comeza unha nova etapa na que será necesario seguir traballando para reducir o tráfico polo centro da vila e mellorar a mobilidade da comarca.

A plataforma de afectados reunirase proximamente co Delegado do Goberno, e o tema tamén se abordará no próximo pleno municipal de Caldas de Reis.