O Goberno destina máis de 205.000 euros á cuberta do cuartel da Garda Civil de Sanxenxo

Sanxenxo
03 de marzo 2026
Actualizado: 12:39

O BOE publica a reparación urxente da cuberta do cuartel da Garda Civil de Sanxenxo

Visita de Abel Losada e Telmo Martín ao cuartel da Garda Civil de Sanxenxo Subdelegación do Goberno en Pontevedra

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, celebrou a publicación no Boletín Oficial do Estado das obras de reparación da cuberta do cuartel da Garda Civil en Sanxenxo, unha infraestrutura que resultou gravemente danada polos temporais rexistrados o pasado mes de xaneiro.

Losada visitou recentemente as instalacións para comprobar de primeira man o alcance dos estragos ocasionados polo mal tempo e informou de que os trámites para a adxudicación das obras, mediante o procedemento de emerxencia, xa quedaron culminados.

Segundo explicou, os traballos serán adxudicados nos próximos días e comezarán de inmediato.

O prazo de execución previsto é de tres meses, polo que o problema quedará solucionado nun curto espazo de tempo, remarcou o subdelegado.

As actuacións previstas inclúen a reparación integral da cuberta, coa construción de armaduras, así como o recubrimento, instalación de verteaugas, canles e revestimentos necesarios para garantir a seguridade e estanqueidade do edificio.

O orzamento base de licitación, sen impostos, ascende a 205.123 euros.