O goberno local persiste en demandar a gratuidade da AP-9

Pontevedra
17 de setembro 2025
Actualizado: 13:44

Eva Vilaverde, tenente de alcalde, manifestou o posicionamento do goberno municipal reclamando o goberno de España que declare ilegal a prórroga da concesión. Este mércores finalizou o período dado pola Comisión Europea ao respecto

Peaxe na AP-9 Mónica Patxot

A Xunta de Portavoces do Concello de Pontevedra reuníase este mércores para preparar a sesión ordinaria de setembro.

Na rolda de prensa posterior, Eva Vilaverde, teniente de alcalde, detallou os principais puntos que se tratarán no vindeiro pleno previsto para o luns 22.

Un dos temas máis importantes será a aprobación da conta xeral, que xa foi ditaminada favorablemente na Comisión de Economía e Facenda.

A proposta, que contou cos votos en contra do Partido Popular, será levada a votación no pleno para a súa resolución final.

Ademais, debateranse outras cuestións de relevancia, como a ratificación da creación de solo para vivendas protexidas, unha iniciativa que xa recibiu o apoio unánime na comisión de ordenación do territorio o pasado 27 de agosto.

En canto ás mocións dos grupos políticos, o PP presentará unha proposición para o rexeitamento do acordo bilateral do goberno de España e de Cataluña para implantar un novo financiamento singular "en contra de Galicia", que foi ditaminada desfavorablemente cos votos en contra do BNG e o PSOE en comisión.

Os populares tamén presentarán unha moción para actualizar o plan de Emerxencias. E outra presentada demandando o apoio municipal ás medidas da Xunta de Galicia fronte aos incendios forestais.

Por outra banda, o grupo municipal socialista defenderá unha moción para pedir o cesamento das hostilidades na Franxa de Gaza, á que o BNG presentará unha emenda de modificación, e outra en relación á convocatoria do Consello Escolar Municipal..

Ademais, Vilaverde fixo fincapé no posicionamento claro do goberno local respecto á AP-9, pedindo a súa total gratuidade e que o Goberno de España declare ilegal a prórroga da súa concesión, especialmente no tramo entre Pontevedra e Vigo, que afecta a milleiros de veciños a diario, manifestaba Eva Vilaverde.

A Comisión Europea enviou un ultimátum ao goberno español para que resolva as irregularidades en relación coa prórroga das concesións da peaxe respecto á Ap-9 ao entender que vulneran as regras da Unión Europea en materia de contratación pública e de concesión de autoestradas.

RESPOSTA DO MINISTERIO Á COMISIÓN EUROPEA

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible respondeu este xoves ao último ditame motivado da Comisión Europea sobre as irregularidades na prórroga da concesión da autoestrada AP-9, un procedemento de infracción que o Executivo de Pedro Sánchez atribúe directamente ás decisións tomadas polo Goberno do PP presidido por José María Aznar no ano 2000.

Segundo explicaron fontes ministeriais, a situación actual débese á decisión daquel Goberno de ampliar a concesión da autoestrada de peaxe ata o ano 2048. "Se estamos nesta situación, por tanto, é responsabilidade dos gobernos do Partido Popular. Correspóndelle ao PP explicar os motivos polos que tomou unha decisión que este Goberno non adoptaría e que claramente é prexudicial para os dereitos da cidadanía", afirmaron as mesmas fontes.

A pesar de sinalar a responsabilidade política do PP, o Ministerio confirmou que, "por responsabilidade e para velar polo interese común", colaborou e respondeu a todos os requirimentos de Bruxelas.

"Esta mesma mañá e unha vez consumido o prazo de dous meses desde o último Ditame Motivado, remitiuse unha resposta ampla á Comisión Europea na que España aporta as aclaracións precisas e a información xustificativa", detallaron. O obxectivo desta documentación, segundo Transportes, é que Bruxelas realice unha valoración "sempre en defensa dos intereses xerais de España".

As mesmas fontes indican que esta fase non supón o peche do procedemento de infracción e que o Goberno analizará os seguintes pasos da Comisión para "esgotar as posibles opcións de resposta".

Na súa defensa, as fontes ministeriais contrastaron as accións daquel Executivo coas do actual, sinalando que as políticas de mobilidade e reequilibrio territorial que defende o Goberno de Sánchez "van na dirección contraria".

Para paliar os efectos da prórroga das peaxes, destacan a posta en marcha dun sistema de bonificacións. Como exemplo, mencionan o desconto do 100% da peaxe de retorno para vehículos lixeiros que realicen os seus traxectos de ida e volta en 24 horas".

Segundo os datos proporcionados, desde 2018 e ata finais de xuño deste ano, as persoas usuarias aforraron máis de 375 millóns de euros ao circular pola AP-9 grazas ás bonificacións directas e á limitación das subidas das peaxes aplicadas durante o mandato de Pedro Sánchez.

Este mércores finalizaba o período para que o goberno ofrecese unha solución. En caso de non pronunciarse, a Comisión Europea tiña a posibilidade de acudir ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora