Gonzalo Caballero rexeita "baronías e virreinatos" nun PSOE galego "no que decide a militancia"

Pontevedra
29 de setembro 2021

Nun encontro con militantes do PSOE en Pontevedra, ante os que presentou a súa candidatura ás primarias para liderar o partido en Galicia, Caballero subliñou que serán os afiliados os que deban elixir o rumbo da formación

Encontro de Gonzalo Caballero con militantes do PSOE en Pontevedra Mónica Patxot

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, rexeitou a presenza de "baronías e virreinatos" dentro do partido e advertiu que o futuro dos socialistas galegos "decidirao a militancia".

Nun encontro con militantes do PSOE en Pontevedra, ante os que presentou a súa candidatura ás primarias para liderar o partido en Galicia, Caballero subliñou que serán os afiliados os que deban elixir o rumbo da formación.

"Hai que decidir se queremos seguir avanzando nun proxecto galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas ou se queremos retroceder optando por vías distintas ás que nos permitiron avanzar nos últimos catro anos", sinalou o dirixente socialista.

Fronte a lecturas "pesimistas" sobre a saúde do PSOE en Galicia, defendeu que, con el como secretario xeral, o partido mellorou os seus resultados electorais, polo que avogou "manternos na esquerda" cunha formulación "alternativa" ao PP e con "credibilidade".

No últimos catro anos, destacou Gonzalo Caballero, os socialistas galegos reforzaron a súa estrutura e representación, polo que considera que está "preparado" para afrontar o proceso de primarias aberto no partido.

"Hoxe todo o mundo recoñece que o PSdeG está máis forte", engadiu Caballero, que reivindicou estas primarias como unha "oportunidade para potenciar o futuro".

Entre os asistentes a este encontro atopábanse, entre outros, a senadora Marica Adrio, a deputada autonómica Paloma Castro, o tenente de alcalde en Pontevedra,Tino Fernández; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; ou o ex delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro.