O GPS volve despistar en Pontevedra e o coche acaba nas escaleiras da Ferrería

Pontevedra
15 de xaneiro 2026
Actualizado: 14:19

Nesta ocasión, a protagonista foi unha moza condutora estranxeira que seguiu fielmente as indicacións do seu GPS

Vehículo atrapado en las escaleras de la Ferrería

Volveu pasar. Xusto pasado un mes do último vehículo que quedou "atrapado" nas escaleiras que conectan a Praza de Ourense coa Ferrería, a escena repetiuse para sorpresa, e xa case tradición, dos viandantes.

Nesta ocasión, a protagonista foi unha moza condutora estranxeira que seguiu fielmente as indicacións do seu GPS… se cadra, demasiado.

O navegador conduciuna ata un punto onde o asfalto se converte, sen previo aviso, en chanzos. E alí quedou o coche, colgado e desconcertado, coma se dubidase do seguinte movemento.

A intensa choiva que caía sobre Pontevedra tampouco axudou. Segundo explicou a condutora, a falta de visibilidade impediu que detectara a tempo o inesperado "final de ruta".

Vehículo atrapado nas escaleiras da Ferrería PontevedraViva

Mentres esperaban a chegada do guindastre, unha patrulla da Policía Nacional recollía o testemuño en inglés, nunha escena tan tranquila como curiosa.

Non faltaron tampouco os espontáneos conselleiros. Algún viandante, entre bromas, animaba a arrincar e avanzar "amodiño, que seguro que non pasa nada".

A anécdota repítese con certa frecuencia na Boa Vila e sempre cos mesmos ingredientes: condutores que non coñecen a cidade e un GPS demasiado optimista. Unha combinación que, unha vez máis, converteu as escaleiras da Ferrería nun inesperado punto negro e nunha historia máis para o anecdotario urbano.

Vehículo atrapado nas escaleiras da Ferrería PontevedraViva