A Avenida da Barca volverá funcionar desde este martes 13 cun único carril de circulación debido á reanudación das obras de urbanización e humanización da PO-308.
A medida será temporal e permitirá a circulación no sentido Poio–Pontevedra, mentres que os vehículos que se dirixan en sentido contrario deberán empregar os desvíos alternativos habilitados.
O Concello de Poio reforzou a sinalización informativa destes itinerarios, tal e como se acordou nun encontro entre o alcalde, Ángel Moldes, e a veciñanza da Caeira.
Ademais, incrementarase a vixilancia para garantir que se respecten as prohibicións e a sinalización existente.
As obras, que afectan ao treito comprendido entre A Barca e o Casal de Ferreirós, avanzan a bo ritmo, segundo informa o Concello.
Durante o Nadal, aproveitando a pausa recollida no convenio da construción, mantivéronse abertos os dous carrís de circulación. Co reinicio dos traballos, retómase agora o plan de tráfico alternativo previsto desde o inicio da actuación, baseado nun carril único.
Así, os vehículos que necesiten saír de Pontevedra desde a Ponte da Barca poderán facelo a través da Caeira ou polo nó de Bombeiros, subindo polo polígono do Vao e bordeando a parte alta de Poio ata incorporarse á avenida Antelo Mariño, pola zona da antiga Coca-Cola, para chegar á rotonda situada xunto á panadaría Acuña.
No caso dos vehículos de mercadorías, o desvío deberá realizarse xa desde a estrada de Vilagarcía polo polígono do Vao, evitando a zona da Barca.
O Concello advirte de que se intensificarán os controis e as sancións en caso de incumprimento, lembrando que os vehículos de máis de 3.500 quilos teñen prohibido circular pola rotonda da Barca e polo desvío da Caeira.
Desde a administración local sinalan que este plan de tráfico é un "documento vivo", que poderá adaptarse segundo avance a obra ou cambien as necesidades, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, facilitar a fluidez do tráfico e reducir ao máximo as molestias para a veciñanza.
Esta actuación forma parte da primeira fase do proxecto de humanización da PO-308, unha intervención que busca recuperar o espazo público para as persoas, priorizando o tránsito peonil fronte ao motorizado, e impulsar o comercio local, a accesibilidade e a seguridade viaria.
O proxecto inclúe, entre outras melloras, a ampliación das beirarrúas ata un mínimo de 2,5 metros, elementos de calmado do tráfico, a renovación dos servizos urbanos, novo mobiliario público, zonas asistenciais, infraestruturas para o transporte público e prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
Desde o Concello de Poio agradecen unha vez máis a colaboración da veciñanza e piden desculpas polas molestias ocasionadas polas obras, lembrando que se trata dunha actuación longamente demandada que permitirá mellorar a mobilidade e a calidade de vida do conxunto da poboación.