A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio vén de adxudicar o proxecto de renovación do parque infantil de Lourido, situado no Parque Costa Giráldez, que contará cun deseño temático inspirado no mar.
A actuación será executada pola empresa Juegos Kompan, cun investimento de 154.275 euros.
Con esta actuación o goberno local pretende ofrecer ás familias espazos lúdicos atractivos, inclusivos e de calidade. No caso de Lourido, e pola súa proximidade á costa, apostouse por unha ambientación mariña na que destaca un faro como eixo central do parque, un símbolo moi representativo do litoral galego pero pouco habitual nas áreas de xogo infantil.
O proxecto inclúe a substitución do pavimento e dos xogos actuais, que presentan un elevado grao de deterioro, pola instalación de sete novos elementos de xogo e un valado de madeira. O faro contará con tres tipos de tobogáns, plataformas a distintas alturas e accesos múltiples mediante rampas de escalada e rede túnel. Ademais, incorporará estacións de solo orientadas á exploración cognitiva, ao xogo simbólico e a experiencias sensoriais auditivas e táctiles, favorecendo un uso inclusivo para nenos e nenas de diferentes idades e capacidades.
Xunto ao faro instalaranse columpios con asentos normal, de bebé e tipo niño, este último accesible para menores con mobilidade reducida. A área completarase con xogos xiratorios, balancíns, camiños exploradores e muelles, todos eles con deseños mariños, mantendo ademais a tirolina existente.
Das tres empresas que presentaron propostas ao proceso de licitación, Juegos Kompan resultou a mellor clasificada ao incluír unha rebaixa no prezo do contrato e melloras como a ampliación do prazo de garantía da obra de 12 a 48 meses, así como do período de garantía dos equipamentos, que pasa de 3 a 8 anos.
Esta actuación en Lourido enmárcase no plan integral do Concello de Poio para modernizar e mellorar as áreas de xogo infantil do municipio, creando parques temáticos que convertan o xogo nunha auténtica aventura. Neste contexto, este venres día 9 inaugurarase o Parque de Cristóbal Colón, en Ánkar, cunha festa a partir das 17.00 horas, sempre que o tempo o permita, na que haberá inchables, música, chocolate e animación a cargo de Javi Solla.
Tanto a reforma do parque de Ánkar como a de Costa Giráldez forman parte dunha estratexia máis ampla que inclúe actuacións como a creación da primeira pista pump-track de Poio, a renovación do parque da Seca, a construción dunha pista multideportiva en Vilariño ou a recente adquisición dos terreos para o primeiro parque infantil público de Samieira, ademais das tarefas continuas de mantemento nas áreas de xogo de todo o municipio.