17 empresas presentaron as súas ofertas para encargarse da redacción do proxecto e a dirección de obra das 21 vivendas públicas previstas no barrio das Lagoas en Bueu.
A futura construción, que se prevé que sexa unha realidade no horizonte do ano 2028, erixirase sobre tres parcelas cedidas polo Concello de Bueu.
Este movemento forma parte dunha estratexia de colaboración institucional na que Bueu figura como un dos 14 municipios galegos que xa puxeron solo a disposición da administración autonómica para paliar a necesidade de construción de fogares protexidos.
Cunha partida orzamentaria que rolda os 4 millóns de euros, o proxecto das Lagoas non é un caso illado. A Xunta de Galicia mantén o obxectivo de alcanzar as 4.000 vivendas públicas antes de que remate 2028.
A día de hoxe, máis de 3.000 xa se atopan en diferentes fases de execución e, durante este 2026, preténdese dar o impulso inicial a outras 1.000 unidades adicionais en toda a comunidade, segundo a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que dirixe María Martínez Allegue.
Segundo o plan estratéxico da administración, os menores de 36 anos terán unha reserva específica de acceso en, ao menos, o 40% dos fogares destinados a alugueiro.e nun mínimo do 25% das vivendas que se poñan á venda.
Esta medida busca facilitar a emancipación e o acceso á vivenda por parte da mocidade galega, un dos colectivos con maiores dificultades para atopar un fogar estable.
Coa recepción destas 17 ofertas, o proxecto de Bueu entra agora na fase de avaliación técnica para decidir quen será o encargado de dar forma arquitectónica a estas vivendas.