O Grove, a referencia para a centola: máis de 2.400 quilos en apenas cinco días

O Salnés
14 de novembro 2025
Actualizado: 20:13

Desde o 2024, poxáronse na lonxa do Grove uns 69.100 quilos de centola, o que xerou unhas vendas por valor de máis de 1,3 millóns de euros. Máis de medio cento de embarcacións dedícanse a ela

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, na descarga da centola
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, na descarga da centola / Xunta de Galicia

Desde que o pasado luns abriu a campaña da centola, chegaron aos portos galegos 14.000 quilos deste crustáceo, o que supón en vendas máis de 180.000 euros.

E dentro deste balance, sobresae o porto do Grove, un dos máis activos de toda Galicia.

A rula grovense, con máis de 2.400 quilos, é a que acumula o maior volume de descargas.

Desde o 2024 ata a actualidade, poxáronse nestas instalacións uns 69.100 quilos de centola, o que xerou unhas vendas por valor de máis de 1,3 millóns de euros.

Así o destacou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que acudiu este venres á descarga da centola no porto do Grove, onde máis de medio cento de embarcacións dedícanse a ela.

"A lonxa do Grove destaca na comercialización desta especie tan prezada e única polo seu sabor e calidade", afirmou Villaverde, que avanzou que desde a Xunta "seguiremos apoiando e impulsando a comercialización de produtos pesqueiros como este".

O importante, dixo, é que á hora de comprar e pñeor á venda os produtos, os compradores "adquiran o produto polos cauces legais" e valoren o esforzo dos profesionais que traballan no mar.

Trátase, segundo sentenciou, de que "entre todos actuemos de xeito responsable", para preservar os recursos pesqueiros.

En toda Galicia, son preto de novecentos os barcos autorizados pola Consellería do Mar para a captura deste crustáceo, entre eles 198 pertencen á zona de Arousa e 123 á de Pontevedra.

Ademais do Grove, Noia, Bueu, Ribeira ou Cambados son as que acumulan o maior número destas embarcacións.