Guías de turismo terán oportunidade de formarse sobre a Illa de Tambo durante esta semana

Poio
13 de xuño 2022

A tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), explica que esta iniciativa formativa contará cunha sesión teórica e outra práctica, incluíndo unha visita de campo á propia illa. O programa está organizado polo Concello de Poio en colaboración coa Asociación Irmandade Illa de Tambo

Silvia Díaz, concelleira de Turismo, durante a visita á Illa de Tambo na xornada 'Descubre Poio' Concello de Poio

As xornadas denominadas 'Os Recursos Turísticos de Tambo' comezarán esta semana co obxectivo de que guías de actividade turística coñezan os recursos e atractivos da Illa de Tambo, que se atopa na ría de Pontevedra. 

A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, indica que se establecen 15 prazas para profesionais deste sector. O programa desenvólvese ao longo do mércores 15 e do xoves 16 de xuño. A primeira sesión será teórica no Centro de Formación da Reiboa, situado na Seca, na parroquia de San Xoán.

Ao día seguinte realizarase unha visita de campo á illa. Durante este percorrido coñecerase o itinerario e ofrecerase unha explicación sobre os diferentes puntos de interese deste espazo natural. Os encargados de ofrecer información durante o desprazamento serán integrantes da Asociación Irmandade Illa de Tambo. A saída efectuarase ás 10.00 horas desde Combarro e a volta realizarase ás 13.30 horas.

As inscricións aínda poden realizarse enviando un correo electrónico a turismo@concellopoio.org, indicando o nome e apelidos da persoa interesada en anotarse, así como o municipio no que reside, teléfono de contacto e a asociación ou a empresa á que  pertence.

A intención, segundo explica a concelleira, é acrecentar o coñecemento sobre a illa a profesionais do sector turístico para axudarlles a familiarizarse con este espazo. Díaz considera que a Illa de Tambo é un elemento que se presenta como "decisivo" á hora de diferenciar a Poio como destino turístico.

Arquivado en