Haberá cortes de tráfico esporádicos e en horas nocturnas no tramo de estrada entre O Covelo-Raxó

Poio
01 de outubro 2018

O corte dun dos carrís solucionarase con "tráfico alternativo" e sempre como unha medida que se adoptará de maneira "excepcional"

Obras na PO-308, no treito O Covelo-Raxó
Obras na PO-308, no treito O Covelo-Raxó / Mónica Patxot

As obras da PO-308, no tramo O Covelo-Raxó, levarán cortes de tráfico. Realizaranse "de forma esporádica y preferiblemente en horas nocturnas", segundo precisou o xefe do servizo de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez.

O corte dun dos carrís solucionarase con "tráfico alternativo" e sempre como unha medida que se adoptará de maneira "excepcional".

Así o explicou este luns no transcurso da visita que fixo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez aos traballos de construción da senda peonil e ciclista nesta estrada autonómica. "Imos deixar a PO-308 totalmente cosida e reforzada con sendas e melloras de seguridade", comentou.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, que acompañou á conselleira neste acto, referiuse ao proxecto como unha "demanda histórica" do municipio e destacou que desde o goberno local "agradecemos e apoiamos a aposta da consellería nesta mellora, porque os cidadáns necesítana".

Ethel Vázquez explicou que esta actuación supón un investimento de máis de dous millóns de euros, nun itinerario de 3,7 quilómetros, co obxectivo de "favorecer os desprazamentos a pé, que sexan máis cómodos e seguros" nunha estrada que soporta un tráfico duns 20.000 vehículos ao día e ten unha gran presenza de poboación nas súas marxes.

O proxecto contempla a creación de zonas de estacionamento e mellora dos servizos, como drenaxe e iluminación, segundo explicou a conselleira.

As obras no tramo O Covelo-Raxó teñen un prazo de execución dun ano, polo que debería estar rematada en outubro do 2019, o mesmo prazo que ten o tramo entre Covelo e A Granxa. Unha actuación ao longo de 4 quilómetros para o que a consellería xa realizou o pago dos depósitos previos e que "está a piques de licitarse", segundo informou a titular de Infraestruturas no goberno galego.

A estas actuacións súmanse ademais outros investimentos, como a obra de eliminación dun tramo de concentración de accidentes na Granxa, así como outras dúas sendas peonís na zona de Combarro, o que supón un montante global de cinco millóns de euros de investimento nesta estrada.