Adxudican por 1,2 millóns de euros a mellora da seguridade viaria noutro tramo da PO-308

Poio
10 de novembro 2018

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia acaba de adxudicar as obras entre a intersección coa rúa de acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa, un tramo da estrada que afecta aos concellos de Poio e Sanxenxo 

Estrada PO-308 en Covelo
Estrada PO-308 en Covelo / Mónica Patxot

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia continúa coas actuacións destinadas á mellora da seguridade viaria na estrada PO-308 e acaba de adxudicar por máis de 1,2 millóns de euros as obras que afectarán ao tramo entre a intersección coa rúa de acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa, un tramo da estrada que afecta aos concellos de Poio e Sanxenxo.

A empresa adxudicataria foi Civis Global, S.L.U e está previsto que as obras comecen entre finais deste ano 2018 e principios do 2019. En todo caso, estarán coordinadas coas que se realizan no ámbito da senda O Covelo - Raxó.  

A Xunta destaca que se trata dunha intervención complementaria á que está a executarse nesa senda de Covelo - Raxó e permite actuar nun treito de concentración de accidentes no mesmo ámbito.

As principais intervencións neste tramo consistirán na mellora das interseccións nas que se producen unha parte importante dos accidentes rexistrados nesta estrada, para o que se executará unha semiglorieta no acceso ao peirao do Covelo e unha glorieta na intersección coa PO-303 en Samieira, que permitirá calmar o tráfico e a realización dos xiros en condicións máis seguras, dado que a proximidade dun cambio de rasante fai que actualmente a visibilidade sexa reducida.

Tamén está prevista a construción dun carril central na intersección co Camiño Salgueiral e o acceso á praia de Laño, así como a execución dunha segunda glorieta para acceso ao porto de Raxó, que incluirá a construción dun novo acceso e a eliminación do actual.

O proxecto incluirá tamén a mellora doutras interseccións, mediante a execución de cuñas de aceleración e desaceleración, para facilitar a incorporación e saída da estrada, executándose tamén pequenos tramos de sendas, complementarios á mellora das interseccións