O Concello de Poio quéixase de "falta de comunicación e de respecto institucional" por parte da Xunta de Galicia no proxecto de reforma da estrada PO-308 ao seu paso polo municipio para mellorar a seguridade viaria.
"Non pode ser que a Xunta deseñe unilateralmente o noso concello", sinalou o edil Gregorio Agís, acompañado do seu compañeiro de corporación Xulio Barreiro este xoves ante os medios de comunicación.
Os dous concelleiros do goberno local explicaron as alegacións que presentaron ao proxecto autonómico, doce en total. "Temos a posibilidade de presentar alegacións como calquera veciño pero non é normal", reiterou o edil.
Barreiro argumentou pola súa banda que a falta de colaboración provoca deficiencias como "non contemplar a recollida de pluviais".
Entre as alegacións presentadas por Poio atópase a petición de mellora da subida do instituto, do Camiño do Outeiro ou da 'Curva do Xeito' na entrada de Combarro. Ademais pídese entre outras cousas ampliar as expropiacións nalgúns puntos para ampliar as beirarrúas ata os 1,80 metros previstos en gran parte do traxecto afectado, habilitar unha parada de autobús á saída de Combarro en dirección a Raxó ou xerar máis zona de aparcadoiro.
Tanto Agís como Barreiro expresaron ademais "as nosas dúbidas" de que bicicletas e peóns poidan convivir nunha senda de 1,80 metros de ancho, e acusan o goberno autonómico de estar "vendendo algo que non é posible".