Carmen García Mateo ou Belén Rubio. Unha delas será a primeira reitora da Universidade de Vigo. Ambas foron as dúas candidatas máis votadas nas eleccións deste mércores.
Como ningunha obtivo a maioría absoluta dos votos, terán que enfrontarse nunha segunda volta que se celebrará o próximo 15 de maio.
García Mateo, candidata de Nós Universidade, obtivo unha porcentaxe de votos do 40,29% (1781 votos) -foi a preferida no campus de Pontevedra-, mentres que Rubio, da corrente H2040, alcanzou o 33,91% (1499 votos).
Para a gañadora desta primeira volta, a comunidade universitaria "demostrou claramente que quere cambio". Celebrou que o sistema universitario galego vaia contar con dúas reitoras elixidas o mesmo ano, algo que supón un "cambio importante".
Na segunda volta continuarán, segundo indicou, co mesmo xeito de proceder que ata o de agora, é dicir, "falar con toda a xente, contar con todas as persoas, porque, tal como di o noso logo, todas as persoas contan, un proxecto común, un proxecto compartido".
Pola súa banda, Belén Rubio recibiu os resultados "con certa prudencia e responsabilidade" e avogou por "seguir explicando o noso modelo" aos diferentes colectivos, á vez que se dixo estar disposta a "tender pontes coa candidatura que quedou fóra".
"Cremos que aínda hai xogo", salientou Rubio, quen lembrou que "temos aínda uns días para seguir traballando", un labor que asumirán "con enerxía e con prudencia, pero con moita ilusión e con responsabilidade", co obxectivo mellorar na segunda volta o seu resultado.
Quedou fóra da carreira pola reitoría o candidato de ConSenso, Jacobo Porteiro, que obtivo o 25,81% (1141 votos) dos apoios entre a comunidade universitaria.
Xa avanzou que, de cara á segunda volta, non tomará partido por ningunha das dúas candidatas.