José Ramón G.C., o home de 50 anos que apareceu calcinado en Campo Lameiro xunto á súa parella, Marisol C.P., de 49 anos, acumulaba un longo historial de violencia machista e fora condenado en dúas ocasións.
Aínda que desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra insisten en que, por agora, a investigación continúa e están abertas "todas as hipóteses", fontes oficiais consultadas por PontevedraViva subliñan que a principal vía de traballo é que a súa morte foi un crime machista.
Os investigadores sospeitan que José Ramón G.C. matou a súa actual parella, que apareceu calcinada dentro dun coche e, posteriormente, acabou tamén coa súa vida prendéndose lume.
Este sería o capítulo final de anos de malos tratos e denuncias, tanto cara á súa anterior parella, da que se separou en 2016, como a Marisol C.P., que figuraba no sistema VioGén con risco alto e da que el tiña unha orde de afastamento vixente.
A Marisol, segundo considerou probado a Audiencia de Pontevedra o pasado mes de marzo, agrediuna en novembro de 2021 nunha estación de lavado de coches de Cuntis.
Aquel día, despois de agarrala con violencia, empuxouna contra a parede do establecemento e golpeouna na cara coa mangueira coa que estaba a lavar o seu coche.
José Ramón G.C. foi condenado a 23 meses de prisión e impúxoselle unha orde de afastamento de dous anos, aínda que ambos retomaron a convivencia tras estes feitos, segundo confirman os investigadores, residindo xuntos en varios domicilios de Moraña.
El non entrou en prisión por esta agresión machista, a pesar de que xa tiña unha condena previa por maltratar á súa parella anterior, pola que lle castigaron inicialmente a máis de cinco anos de cárcere, reducidos posteriormente a 21 meses tras recorrer a sentenza inicial.
Entón, alá polo ano 2019, o xulgado que o condenou por agredir a súa ex esposa acreditou que a muller estivo dez anos sometida a constantes golpes, insultos e ameazas, chegando a agredila cando esta estaba embarazada.
Entre os episodios de maior violencia relatados na sentenza, o tribunal destacaba golpes con paus e instrumentos de labranza, expresións como "vouche cortar o pescozo e sangras como unha galiña" ou ameazas, xa embarazada, con cortarlle as pernas cunha rozadora.
Estas condutas tiñan lugar, en moitas ocasións, diante do fillo en común de ambos, que no momento no que a súa nai denunciou os malos tratos tiña apenas seis anos de idade.