A Praza do Mosteiro de Poio rendeuse este xoves ao bo tempo e á Festa dos Maios, unha das máis participativas e arraigadas no municipio, que este ano contou con 14 creacións participantes.
Ademais de dar a benvida a maio e de manter a tradición secular, a edición deste 2025 tamén serviu para render homenaxe a Antonio Buceta González "Tucho”, veciño de Liñares, pola súa contribución a recuperar, difundir, conservar e expandir a tradición dos maios dentro e fóra do municipio.
Os premios, que entregaron preto de 5.500 euros, estiveron moi repartido, con empate de varias propostas en cada categoría.
Na categoría de Maio, o primeiro premio foi para Maiolo; o segundo, para Vilariño; e o terceiro, para Pitufeiro e Fontenla.
Na categoría de mellor Barco Galego Tradicional, o primeiro premio foi para Pequecheiro e Fontenla; o segundo, para Boureante; e o terceiro, para Vilariño e Mare Podium.
Na categoría de Coplas, o primeiro premio foi para Ronsel; o segundo, para Pim Pin; e o terceiro, para Mare Podium.
Na categoría de Actuación, o primeiro premio foi para Fontenla e tamén foron premiados Vilariño, Laretas e Mare Podium co segundo premio, Maiolo (3), Isidoro (4), Armadiña (5), Pequemaio (6) e Rockeiriño (7).
Na categoría de Coroa, o primeiro premio foi para Pitufeiro; o segundo, para Vilariño e Maiolo; e o terceiro, para Fontenla.
Na categoría de Conxunto, o primeiro premio foi para Fontenla e Pitufeiro; o segundo, para Vilariño; e o terceiro, para Mare Podium e Maiolo.