O Hospital Público do Salnés consolidouse como referente en Galicia na humanización da asistencia ao nacemento e á lactancia tras recibir hoxe a renovación da súa acreditación IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e Lactancia) nun acto celebrado na sede do Ministerio de Sanidade en Madrid.
Esta distinción, outorgada pola Organización Mundial da Saúde e UNICEF, recoñece o labor dun equipo multidisciplinar que leva dúas décadas traballando para garantir que todas as nais e os seus fillos reciban o apoio necesario durante o proceso de lactación materna.
Unha delegación do centro arousán, encabezada pola directora do Distrito Sanitario de O Salnés da área sanitaria, Nuria Iglesias Álvarez, desprazouse á capital para recoller este recoñecemento.
A directiva destacou que "a importancia do traballo dun equipo multidisciplinar é clave para a consecución da excelencia na atención que prestamos ás mulleres da nosa área".
Concepción Abellás Alvarez, directora de Enfermaría da Área Sanitaria, puxo en valor os 20 anos de traxectoria que converten ao Hospital do Salnés "nun exemplo de humanización e de calidade asistencial en Galicia e en España".
O centro hospitalario de Vilagarcía non só mantén a súa aposta pola lactancia materna como "o mellor xeito de favorecer o vínculo materno infantil", segundo subliñou Carlos Pol Balado, subdirector de Enfermaría, senón que tamén ofrece plans de parto individualizados.
Estas iniciativas, como explicou Yolanda García Freijeiro, supervisora da área materno-infantil, permiten "atender os desexos dos futuros pais" e fomentar "o contacto pel con pel que resulta esencial nas primeiras horas de vida".
A reacreditación IHAN confrima ao Hospital do Salnés como o único centro sanitario galego que mantén esta importante distinción internacional.
