A hostalería de Soutomaior facturou durante a Festa da Ostra un 30% máis ca un ano antes

Soutomaior
11 de abril 2025
Actualizado: 20:51

Manu Lourenzo sinalou que cada euro investido polo goberno local na festa supón 5 euros de facturación na economía local do concello

Festa da Ostra de Arcade 2025
Festa da Ostra de Arcade 2025 / Cristina Saiz

A XXXVII Festa da Ostra de Arcade, que pechou con récord de asistencia e vendas, tivo impacto tamén na hostalería de Soutomaior. 

Segundo a información facilitada polo Concello, a facturación dos sectores hosteleiro e da restauración situados na zona do peirao e no núcleo urbano de Arcade incrementouse un 30% con respecto ao ano pasado.

Desde o Concello lembran que a Festa da Ostra supón un dos principais motores económicos e turísticos para Arcade, "cun impacto e crecemento económico que non deixa de crecer".

Ademais, insisten en que o impacto económico positivo da festa tamén se nota noutros sectores da economía local de Soutomaior, como poden ser as tendas e puntos de alimentación, os salóns de peiteado e de beleza e outros pequenos negocios.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o "crecemento exponencial" da festa susténtase en dous eixos de traballo moi claros: escoitar a todos os sectores implicados e facer que sexa cada vez máis unha festa de prestixio nacional e estatal, un evento sostible e atractivo para as familias. Isto "permite chegar a máis público e mostrar que Arcade e Soutomaior é un sitio non só que visitar, senón que un concello que crece e que é atractivo para vivir nel".

Segundo explicou o alcalde, os hosteleiros e viticultores trasladáronlle que esta edición da festa "superou todas as expectativas e os records establecidos en anos anteriores".

"A Ostra non ten só o valor de identificación e recoñecemento cultural, senón que tamén unha promoción dos produtos gastronómicos por excelencia do concello (a ostra de Arcade e o albariño de Soutomaior) e un importante revulsivo económico para Arcade”, sinalou Lourenzo.

Coas primeiras estimacións realizadas tras falar co sector hostaleiro, "cada euro investido polo goberno de Soutomaior na Festa da Ostra supón 5 euros de facturación na economía local do concello".

Manu Lourenzo sinalou que "dende o goberno de Soutomaior seguimos e seguiremos traballando para mellorar a Festa da Ostra e que cada ano que pase o impacto positivo para os veciños e veciñas do noso concello sexa maior".