Identificado un veciño de Poio por poñer unha placa ilegal de Vao no seu portal

Poio
03 de setembro 2022

Axentes da Policía Local de Poio identificaron o home como presunto autor dun delito leve de falsificación de documento público por instalar un sinal que non dispuña da autorización municipal

Vao instalado ilegalmente Policía Local de Poio

Axentes da Policía Local de Poio identificaron nas últimas horas a un veciño de poio que instalara unha placa de Vao sen autorización municipal no portal da súa vivenda co obxectivo de que os vehículos non aparcasen diante do seu domicilio.

A Policía Local informa de que estas licenzas de vaos concédense despois de que o solicitante presente unha serie de requisitos. Finalmente, outórgaselle unha licenza con número de placa e metros lineais de acceso á vivenda.

Neste caso, segundo as mesmas fontes, o veciño colocou a placa ilegal no acceso á súa casa sen ter pasado os requisitos previos. Por este motivo, os axentes identificárono como presunto autor dun delito leve de falsificación de documento público.

A denuncia foi remitida ao Xulgado para a súa tramitación.