O idioma non é unha barreira en Montecelo: un ínterprete voluntario facilita a atención a un paciente de Ghana

Pontevedra
14 de agosto 2025

Kwesi Kyerebouh foi clave para explicar ao paciente as probas médicas necesarias, obter o seu consentimento e proceder co diagnóstico e tratamento oportunos

Representantes da asociación Ghana Unión Marín Pontevedra e de Montecelo
Representantes da asociación Ghana Unión Marín Pontevedra e de Montecelo / Sergas

A colaboración voluntaria e altruista da asociación Ghana Unión Marín Pontevedra rompeu calquera barreira idiomática no Hospital Montecelo. 

Unha persoa voluntaria deste colectivo resultou fundamental para garantir a atención sanitaria dun paciente ghanés que non falaba español no Hospital Montecelo.

Kwesi Kyerebouh, presidente desta asociación, acudiu voluntariamente este martes 12 de agosto ao centro hospitalario pontevedrés para exercer coma intérprete entre o paciente e a doutora Diéguez, especialista do servizo de Medicina Interna.

Segundo a información facilitada polo servizo de Traballo Social do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, grazas á súa intervención foi posible explicar ao paciente as probas médicas necesarias. 

Tamén axudou a obter o seu consentimento e proceder co diagnóstico e tratamento oportunos.

A situación requiriu unha interconsulta co servizo de Traballo Social do CHUP pontevedrés, departamento asistencial que coordinou a dispoñibilidade do recurso lingüístico e facilitou o contacto con este colectivo.

Tras a colaboración no hospital Montecelo, Kyerebouh reiterou a súa disposición para seguir colaborando en futuras ocasións, destacando a importancia de que o persoal sanitario poida contar con este tipo de recursos para garantir unha atención inclusiva e eficaz.

A asociación Ghana Unión Marín Pontevedra, fundada e presidida por Kyerebouh desde 2023, agrupa a preto dun centenar de persoas e traballa para fortalecer os lazos culturais entre a comunidade ghanesa e a sociedade local, así coma para ofrecer apoio mutuo aos ghaneses residentes en Marín.