"Illas das Marabillas", un xogo de mesa que explora o tesouro das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada

Bueu
31 de outubro 2023

Trátase dunha proposta que ten como obxectivo achegar á poboación infantil e xuvenil ao rico patrimonio natural e cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

Taboleiro de Ons do xogo de rol "Illa das Marabillas" Illa das Marabillas

Vén de saír ao mercado "Illas das Marabillas", un xogo de mesa que explora o tesouro das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Trátase dunha proposta que ten como obxectivo achegar á poboación infantil e xuvenil ao rico patrimonio natural e cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. 

O vigués Pablo Culebras impulsa esta proposta co apoio do Parque Nacional e financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation.

As Illas Atlánticas son unha xoia natural das Rías Baixas que teñen protagonismo nalgúns dos episodios máis fascinantes da nosa historia, desde a procura das lendarias Kassiterides e as viaxes de César ata o naufraxio do Santa Isabel, pasando polas expedicións de Sir Francis Drake ou a tráxica historia de María Soliña.

A través deste xogo de rol, os afeccionados á fantasía, a natureza e a historia poderán mergullarse na riqueza ecolóxica, histórica e etnográfica destas illas, contribuíndo a unha maior comprensión e aprecio da súa importancia. 

O xogo preséntase en catro versións, unha para cada un dos arquipélagos que compoñen o Parque (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada). Un número limitado de cada unha destas versións será distribuída gratuitamente en Bibliotecas e institutos de cada un dos concellos asociados, e uns cuantos serán entregados ao Centro de Visitantes do Parque.

O xogo de rol está concibido como "sandbox", e dicir, a persoa que dirixe o xogo prepara unha serie de situacións, localizacións e faccións e deixa que sexan os xogadores os que decidan que é o que queren facer, reaccionando ás súas accións e plans. 

Así, propón un conxunto de regras básicas, unha galería de personaxes e unha selección de especies de animais de cada un dos arquipélagos, apela á creatividade e curiosidade dos xogadores para ampliar o mundo presentado nos taboleiros, tanto para incorporar novas especies de fauna e flora que poboan as illas no "plano real" como para deseñar novos personaxes que o habitan na "dimensión máxica". 

Coa axuda de especies de aves, mamíferos, animais mariños e mesmo insectos, deberán sortear as dificultades, amenazas, monstros míticos e pobos máxicos inimigos para atopar sete moedas de distintos periodos históricos perdidas nas augas e terras da área protexida.