A iluminación do Nadal de Pontevedra, con máis diñeiro que nunca, xa ten quen a instale

Pontevedra
02 de outubro 2025

Por quinto ano consecutivo, a compañía Creaciones Lumínicas, con sede en Tui, será a encargada de instalar toda esta iluminación. Tamén logrou o contrato para as Festas de Verán 2026

Iluminación de Nadal en Pontevedra

Desde o ano 2021, Creaciones Luminosas, unha empresa con sede en Tui, encárgase de iluminar o Nadal pontevedrés. E así seguirá sendo, polo menos, un ano máis.

A compañía, que opera baixo a marca Electromiño, fíxose co contrato para a instalación da iluminación do Nadal na cidade. Cobrará 180.895 euros por este traballo.

Foi a única empresa do sector que se presentou á licitación aberta polo Concello.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a adxudicación deste contrato fíxose con "antelación suficiente" para que a empresa dispoña do tempo necesario para levar a cabo a instalación de todo este alumado festivo.

Entre as melloras propostas pola empresa están, entre outras, elevar a 25 metros de alto as dimensións dun das árbores da cidade ou aumentar o tamaño dos elementos 3D que decoran as rúas de Pontevedra nestas datas.

Tamén instalarán dez motivos luminosos máis dos requiridos polo goberno municipal.

Ademais, esta mesma empresa encargarase da iluminación para as Festas de Verán de 2026, polo que recibirán preto de 35.000 euros.

Neste proceso de licitación, o goberno municipal de Pontevedra tamén contratou as luces que adornarán as rúas da cidade no Entroido do próximo ano.

Neste caso, a instalación das luces correrá a cargo da compañía Modeco, con sede en Vilagarcía. Este lote está valorado nuns 16.500 euros.