"Ilusión tremenda" en Marín ao vender por máquina o seu primeiro Gordo de Nadal

Marín
22 de decembro 2023

A alegría era máxima na administración 1 de Marín, pero a celebración non foi tan multitudinaria con outras administracións porque, de momento, descoñece cantos décimos venderon e quen son os agraciados. Vendérono por máquina. É, ademais, o seu primeiro Gordo nos 50 anos de historia deste establecemento

Marín celebra o Gordo / PontevedraViva

"Ilusión tremenda" e "muchísima emoción". Son as palabras que este venres máis pronunciou Peregrina Pereira, loteira da administración de loterías número 1 de Marín, tras coñecer que no seu establecemento venderan o número 88008, premiado co Gordo do sorteo extraordinario da Lotería de Nadal.

A alegría era máxima, pero a celebración non foi tan multitudinaria con outras administracións porque, de momento, a administración descoñece cantos décimos vendeu e quen son os premiados. Non venderon ningún número físico, senón que se tratou dun boleto que sacaron por máquina e, cando isto sucede, non poden saber cantos venderon ata que llo comunica Loterías. 

Non saber cantos nin quen eran os premiados non evitou que Peregrina, xunto co titular da administración, e persoas achegadas, celebrasen o premio. Non dubidaron en sacar champaña e brindar entre eles e cos medios de comunicación. Tamén se sucederon as felicitacións por teléfono e foron moitos os clientes que se achegaron para darlles a noraboa en persoa.

É, ademais, o seu primeiro Gordo de Nadal e entregar esta sorte por primeira vez deixa a Peregrina Pereira "emocionadísima". No pasado si entregaron premios millonarios da Bonoloto ou a Primitiva, de modo que a sorte "vamos cultivando", pero nunca antes neste sorteo tan especial. 

E esta sorte chégalles, así mesmo, cando cumpriron o medio século de vida. Tal e como lembran, levan en Marín 50 anos coa licenza desta administración e esperan seguir repartindo sorte por moitos anos. 

O premio colleunos "por sorpresa" e recoñecen que se decataron "porla prensa" antes de comprobar que venderan algo do Gordo.