A imaxe reformada do santuario da Peregrina vai estrearse nas Festas

Pontevedra
12 de xullo 2026

A intervención soluciona os problemas estruturais de humidade cun investimento autonómico de 300.000 euros. O conselleiro de Cultura visitou as obras este sábado

Visita do conselleiro de Cultura ao Santuario Virxe Peregrina

O proxecto de restauración do Santuario da Virxe da Peregrina afronta os seus últimas días de execución co obxectivo de que o templo estea totalmente liberado de estruturas auxiliares para o inicio das Festas da cidade.

José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e polo presidente da confraría Juan Carlos Aguilar, realizou unha visita técnica ao Ben de Interese Cultural (BIC).

Anunciou que a desmontaxe e retirada progresiva das estadas e elementos de obra concluirá de forma definitiva antes de que finalice este mes de xullo.

A data marcada no calendario para a firma da acta de recepción da obra é o vindeiro 4 de agosto

Segundo explicou o propio conselleiro, as previsións actuais permiten contar con marxe suficiente para que o día 9 de agosto, xornada central na honra da Peregrina, veciños e visitantes poidan observar a edificación sen elementos provisionais na súa fachada.

"Eu creo que o o día grande será o día propio da Peregrina onde esperemos que poidamos estar aquí tamén desfrutando con todos os pontevedreses", apuntou López Campos.

A intervención, que contou cun orzamento definitivo algo superior aos 300.000 euros debido aos últimos axustes técnicos, tivo como prioridade frear o deterioro provocado polas filtracións de auga.

"É unha actuación importante e necesaria. Non é a última, porque estamos vendo tamén toda a parte exterior do peche, que vai a requirir tamén unha actuación de mellora", sinalou o conselleiro, "nos próximos meses seguiremos avanzando co propio equipo técnico da Consellería, o equipo de Patrimonio e tamén coa confraría para para ver as necesidades para seguir poñendo en valor unha das grandes xoias, non só do patrimonio de Pontevedra, senón de toda Galicia".

VENTILACIÓN NA CUBERTA

O equipo de arquitectos directores da obra, composto por Juan Manuel Doce e Dulcemaría Trigo, detallou que os traballos se estenderon no tempo debido ás persistentes choivas rexistradas durante o inverno, un factor que dificultou os labores na envolvente exterior do edificio.

A estratexia construtiva baseouse no principio de non selar hermeticamente as estruturas, senón en favorecer a circulación interna. "É un erro, aínda que entre un pouco de auga nalgún momento puntual, non é bo selar. É preferible que recircule o aire", indicaron os especialistas respecto do sistema de ventilación natural permanente deseñado para protexer os paramentos.

Na zona superior do santuario, substituíuse a antiga protección de chumbo por unha nova cuberta de zinc. Sobre esta superficie instalouse unha pasarela metálica de tipo tramex que servirá exclusivamente para as tarefas de mantemento da cuberta e para facilitar o acceso á maquinaria do reloxo do templo.

MUSEALIZACIÓN

Un dos cambios máis visibles a nivel arquitectónico localízase na torre do reloxo. Os técnicos procederon a desmontar un tellado precario que ocultaba a balaustrada orixinal.

No seu lugar, executouse unha nova estrutura de madeira forrada integramente en zinc que deixa a pedra á vista, devolvendo un aspecto máis limpo e fiel ao deseño orixinal.

Esta reforma implica tamén unha novidade na xestión dos elementos históricos do santuario como as pezas mecánicas que golpeaban as campás, que foron desmontadas e trasladadas á outra torre do templo co obxectivo de seren musealizadas e conservadas como pegada histórica da evolución do edificio.

Os traballos estendéronse á restauración directa de molduras, pináculos, cornixas e das imaxes da Virxe da Peregrina, Santiago, San Roque e a Alegoría da Fe.

O titular de Cultura enmarcou esta liña de actuación dentro da estratexia orzamentaria do Goberno galego para o mantemento dos bens culturais na provincia.

López Campos lembrou que esta obra sucede a outras intervencións recentes na cidade, como a restauración da basílica de Santa María a Maior, que contou cunha partida de 550.000 euros.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora