Impulsan un proxecto para poñer en valor o conxunto arqueolóxico dos petroglifos de Mogor

Marín
21 de marzo 2022

Prevese renovar a proposta museográfica, así como a mellora da iluminación exterior. Tamén se levará a cabo un levantamento fotogramétrico, que permitirá crear modelos 3D dos petróglifos. Para financialo, solicitouse unha subvención ao Galp

Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor

O Concello de Marín impulsa un proxecto de posta en valor do conxunto arqueolóxico dos petróglifos de Mogor, co que dotalo de equipamento museográfico, realizar un levantamento fotogramétrico e por láser escáner das rochas gravadas e para mellorar toda a iluminación da área arqueolóxica.

A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, explicou que se trata dun proxecto "co que aproveitar o enorme potencial do noso patrimonio arqueolóxico" e indicou que conta cun orzamento de cerca de 32.442 euros, "para os que solicitamos unha subvención dentro das liñas do GALP".

No que respecta á proposta museográfica, búscase renovar a parte expositiva do interior do Centro de Interpretación, cunha proposta moderna, que contará con medios técnicos e actuais. A interpretación arqueolóxica será a base desta proposta museográfica que ten como obxectivo facer que os petróglifos sexan lexibles para o público que os visite.

O labirinto, probablemente o símbolo máis coñecido dos petróglifos de Mogor, será o elemento que vertebre o discurso narrativo que se poderá ler nos paneis e no resto de soportes informativos.

A parte audiovisual tamén será protagonista, coa creación de pezas, coma fotografías aéreas e vídeos que permitan situar aos visitantes e aportarlles información relevante acerca dos petróglifos.

Por outra banda, no que respecta á iluminación exterior estará pensada para mellorar a percepción dos gravados durante o día e apoiarase nalgúns puntos de luz específicos para as visitas nocturnas, un dos maiores atractivos do CIP.

Ademais, prevese a instalación de sinalización vertical con información básica para aqueles visitantes que se acheguen até Mogor cando o CIP estea pechado.

A parte máis innovadora do proxecto ten que ver cos levantamentos fotogramétricos dos gravados que se inclúen, co obxectivo de obter unhas representacións máis precisas e completas dos petróglifos.

Tal e como explica Acuña, "o uso do láser escáner permitirá obter modelos 3D que despois poderemos empregar na disfusión do noso conxunto arqueolóxico máis importante".

 

Arquivado en